As bibliotecas amesás dan ás ao seu mes do libro cun programa que chama a ler

Trae novidosas actividades, coma unha escape room o 22 para atopar libros // Vai incluír obradoiros e presentacións literarias
Hábitos de lectura
Marcos Manteiga
Bibiana Calvo, pola esquerda, ca concelleira Natividade González e o técnico Xoán Manuel Pérez na presentación. Foto: CA

Continúan as actividades das bibliotecas municipais do departamento de Cultura amesán polo mes do libro, despois da representación do espectáculo Little Neno o pasado día 31. E vanse incluír unha serie de obradoiros, sesións de narrativa oral, concursos e sorteos –de 800 euros coa entrega de vales por mercar nas catro librarías que colaboran–, sempre coa lectura e a literatura coma eixos centrais.

Hai que lembrar que dende 1996, conmemórase o Día Internacional do Libro o 23 de abril cunha xornada que de xeito anual trae unha programación especial nas dúas bibliotecas, coma vén de presentar a edil de Cultura, Natividade González, xunto ao persoal do departamento de Bibliotecas, Bibiana Calvo e Xoán Manuel Pérez. E ao fío, neste mes programouse máis narrativa oral para a cativada, coa sesión de contacontos para nenos e nenas de 3 a 8 anos, Unha lea de contos. Como é habitual, a actividade repetirase en tres xornadas, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, sempre ás 17.30 horas. No Milladoiro a proposta desenvolverase os días 5, 6 e 7 de abril, mentres que en Bertamiráns terá lugar os días 19, 20 e 21.

O prazo de inscrición estivo aberto, para as sesións na biblioteca do Milladoiro, dende o luns 28 de marzo e ata o pasado 2 de abril, chamando ao 981 53 08 07 ou enviando un correo ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal. Pola súa banda, as inscricións para a biblioteca de Bertamiráns abrirán do venres 8 ao mércores 13 de abril, e será preciso chamar ao teléfono 981 88 48 29, ou ben escribir ao mesmo enderezo.

Neste mes tamén proseguirán as iniciativas de animación á lectura para a rapazada de 3º a 6º de Primaria. Haberá uns novos obradoiros, que nesta ocasión consistirán nunha actividade de escape room literario na que a rapazada terá que abrir todos os cadeados agochados nas bibliotecas. Os talleres desenvolveranse no Milladoiro o venres 22 de abril, ás 17.30 horas, mentres que en Bertamiráns a sesión terá lugar o sábado 23 ás 11.30 horas.

Ademais, dende o 4 ata o 20 de abril poderase reservar praza a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal, ou ben no teléfono indicado para cada centro: para a biblioteca do Milladoiro, o 981 53 08 07, mentres que no caso de Bertamiráns, o 981 88 48 29.

Do mesmo xeito, o público adulto poderá gozar dos xa habituais encontros literarios, que en abril traen a varios autores amesáns. O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acollerá o xoves 7 a Charo Pita e a Carlos Labraña, mentres que o xoves 21 será a quenda de Mariña Pérez Rei e Rafa Vilar, ambas propostas ás 20.00 horas.

A concelleira Natividade González, gabou as iniciativas que se veñen poñendo en marcha dende o departamento de Bibliotecas, e animou á veciñanza a sumarse a estas e a futuras propostas: “Os nosos veciños e veciñas poderán gozar dunha intensa e extensa programación durante o mes de abril co motivo do mes do libro, unha data que en Ames celebramos con moito entusiasmo. Conmemoracións coma esta poñen en valor tanto o esforzo e o traballo do persoal das bibliotecas, como a riqueza cultural existente no noso concello con todas as propostas para todos os públicos”.

No que atrinxe á eleción da efeméride do 23 de abril, fixouse porque nesa data foi soterrado Miguel de Cervantes (faleceu o día anterior), e finou no Reino Unido Willian Shakespeare (un 3 de maio no almanaque gregoriano).