Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
MARCOS MANTEIGA OUTEIRO / Periodista / Área de Compostela

Vinte e un anos de convivencia, e sempre en familia

Lembro que arrecendía a tinta e a papel. Tamén o fume, por riba dunha redacción ateigada de xente, e venme á cabeza o doado que era aparcar cando, paradoxicamente, non había ora no casco vello. Nesa primeira xornada que me presentei no xornal estacionara en Rodrigo de Padrón para enfilar por un casco vello que durante máis dunha década arroupou o meu lecer entre a mañá e a tarde. Ao día seguinte empecei a traballar, e no Preguntoiro atopei a miña ocupación vocacional (co empurrón que me dera a serie Lou Grant) e a uns compañeiros que chegaron a se converter na miña familia... literalmente, porque a outra estaba a oitenta quilómetros, na Coruña.

Comecei en Local, con pesetas aínda no peto e mal: o día que me incorporei, pasado o mediodía, o meu xefe viña dunha rolda de prensa que tiña o meu nome. Reprochoumo, pero fíxoo como fai él todo: cun sorriso e deixando o cabreo para as cousas que o merecen. Nunca cuestionei dende entón nin un tema dos que me propuso: dende ir a pasa-la noite a un albergue xacobeo de Arzúa ata comprobar in situ como funciona unha sauna de ambiente gay en Conxo (os heterosexuais deberiamos tomar exemplo, e inventar algo semellante). Esa tempada coincidiu co Ano Santo de 1999, suplemento incluído, que obrigaba a pasar a cotío pola Oficina do Peregrino e entrevistar a camiñantes de todo o mundo, cos que empatizaba a duras penas chapurreando un inglés de batalla, pero así nos entendiamos. Agasalláronme con algunhas das páxinas máis curiosas da miña carreira, e un contacto físico amable que contrasta coa brutalidade habitual (sempre foi así, e seguirá a ser) da política municipal.

Tampouco me esquezo dos cafés nos arredores da redacción, de falar cuns comerciantes que che coñecían polo nome, pasmar con eses camiñantes xubilares que viñan dende Kiev ou recibir na entrada as ducias de persoas que pasaban polo CORREO GALLEGO: a protestar, a pedir axuda, a saudar. Viñan, e agora afortunadamente seguen a chegar, aínda que agora a través do email.

Nun par de anos pasei a Área de Compostela, sección agradecida pola cantidade de temas que oferta, pero que quizais non é a máis recomendable para os que residimos na vila da que logo informamos e na que temos familia, máis que nada pola confrontación dialéctica que implica un titular partidista, por moito que logo opine a outra parte. Pero os anos dan a seguridade de que, por un lado, os políticos pasan, e queda a xente. E por outro, que respectar unha liña editorial é tan lícito como o parecer dos que non te valoran a ti polo feito de asumila. Penso que nos faltan un par de décadas para confluír co mundo civilizado niso (chama a atención que os máis castróns nestas polémicas adoitan levar algunhas das alcaldías mal chamadas progresistas).

E así andamos. Tiven a honra de falar con catedráticos e con indixentes; de coñecer a Tita Cervera e ao seu imberbe, daquela, fillo, pero tamén de asistir a concertos como o de Smashing Pumpkins e as galas municipais da canción que elevaron a uns nenos anónimos ata artistas hoxe de sona. Puiden tamén investigar casas en ruínas e, só uns días despois, compartir con toda a Unión Barcalesa (reunida en Cuba polo seu cen aniversario) unha ovación de agradecemento a este xornal no mesmo salón central do Centro Galego da Habana.

Atrás quedou moita xente nesta etapa. A miña avoa María, a miña nai Carme, a miña irmá Marga (bótovos tantísimo en falta..); Platero, o home que logrou superarse a si mesmo; Guillermo, ordenanza que tan ben cazaba as faltas nas páxinas de proba; Rosa, a compañeira de Galicia Hoxe, amable e sensible e, madia leva, a persoa que me pagou as lentellas neste anos, o noso editor Feliciano Barrera. Houbo outros que decidiron marchar despois duns anos de crise económica tan duros que, por roubar, ata roubaron a posibilidade de formar unha familia con fillos. Aquí seguirei, sempre que me deixen. Din a miña palabra.

16 jun 2020 / 00:49
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito