As redeiras galegas abastecen de artes de pesca a embarcacións de cinco países

Cubren o 90 % da demanda da pesquería artesanal de Portugal // Precisan de relevo xeracional xa que a media de idade é de 55 anos // O Peirao ten a súa sede en Malpica
Mar
José M. Ramos
Redeiras da Asociación Illa da Estrela, que teñen a súa base no porto pesqueiro de Corme. Foto: Federación O Peirao

Durante moito tempo foron as grandes esquecidas do mundo da pesca pero, dende o ano 2002 e froito da súa unión e bo facer, as redeiras galegas conqueriron, pouco a pouco, que se visibilizase e puxese en valor o seu labor, que é un piar fundamental para o sector. Tanto é así que coas súas mans elaboran e abastecen de artes pesqueiras ás frotas de Galicia, da cornixa cantábrica e Baleares, ademais das de países como Reino Unido, Francia, Portugal e mesmo Venezuela, entre outros, segundo Verónica Veres, presidenta da Federación Galega de Redeiras O Peirao, con sede en Malpica.

A este respecto hai que subliñar que “o 90 % das artes menores e o palangre que emprega a frota portuguesa son feitas por nós”, engade.

O feito de que os barcos deses países recorran ás redeiras galegas é “porque non teñen profesionais deste sector, e en moitos casos non dispoñen nin de lexislación propia deste oficio, xa que se segue a prestar o servizo como antigamente”, subliña Verónica Veres, quen, como vogal da Asociación Internacional de Redeiras, é ben coñecedora da realidade doutras zonas.

Aínda que os tempos non son os mellores debido ao Brexit e a conseguinte suba de aranceis, ás restricións de zonas de pesca e ao amarre da frota de cerco, o colectivo de redeiras segue a traballar sen perder o ánimo e á espera de tempos mellores nos vindeiros meses. Mentres, céntranse na reparación de aparellos e na preparación doutros para novas campañas, como a do bocarte.

A pesares dos altibaixos, como en calquera outra actividade, Verónica Veres asegura que “traballo hai”. “É máis: precisamos dun relevo xeracional, pois unha boa parte das redeiras actuais son da época do babyboom e moitas delas están próximas á xubilación”, engade. A media de idade está nos 55 anos.

FORMACIÓN. Por iso, dende a Federación Galega O Peirao, en colaboración coa Consellería de Educación, está a formar novas profesionais para garantir un oficio imprescindible para o sector pesqueiro e tamén para que non se perdan os coñecementos que atesouran as máis veteranas. “Sobre todo no cerco, pois non é unha arte que aprendas e xa o sabes todo, xa que as redes chegan cada día cunha rotura diferente e son as redeiras máis expertas as que mellor saben como arranxala”, sinala ó respecto.

Froito da última promoción, na que se formaron 47 novas redeiras, agardan que “aínda que non todas, unha boa parte se incorporen de xeito profesional nos vindeiros meses”, afirma a presidenta de O Peirao.

As redeiras exercen como traballadoras autónomas pero, a través das asociacións e da propia federación, están coordinadas entre si e mesmo se reparten traballo en función da especialización ou en momentos nos que a demanda sobrepasa a capacidad produtiva de cada grupo.