Asignatura pendente na Costa da Morte: o ciclo de restauración e hostalería

O PSOE reiterará a solicitude no Parlamento // Na Xunta din que non hai demanda
Educación
Manuel Lavandeira
Mónica Rodríguez, á esquerda, Sandra Insua, Bernardo Fernández, Sergio Caamaño, Llanos Castellanos, Margarita Lamela e Iago Toba, con concelleiros socialistas no paseo marítimo de Muxía. Foto: PSOE

Os alcaldes e alcaldesas socialistas da Costa da Morte reclamaron dende Muxía á Xunta que atenda a súa demanda de crear na comarca un ciclo de Formación Profesional de Restauración e Hostalería “para dotar de profesionais ao sector turístico”.

Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral do PSdeG provincial da Coruña, e Llanos Castellanos, secretaria de Xustiza, Relacións Institucionais e Función Pública da CEF PSOE, estiveron na vila da Barca para apoiar esta solicitude xunto aos alcaldes de Muxía, Iago Toba; Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo; Margarita Lamela, alcaldesa de Cee, e Sandra Insua, alcaldesa de Camariñas. O rexedor de Carnota, Juan Manuel Saborido, escusou a súa ausencia por un imprevisto de última hora.

“Unha nova aldraxe para esta comarca, a Xunta nega unha formación moi necesaria para dar resposta ás demandas das empresas do sector, que queren un turismo de calidade pero necesitan profesionais”, apuntou Bernardo Fernández. Lamenta ademais que a Xunta “esixa aos propios concellos que invistan recursos en centros que non son da súa titularidade, cando non é unha competencia municipal”.

O PSOE presentará varias iniciativas no Parlamento de Galicia para que a Consellería de Educación atenda esta solicitude, xa que ata o de agora rexeita a posibilidade de implantar o ciclo na Costa da Morte ao considerar que non hai demanda.

Pola súa parte, Llanos Castellanos lembroulle á Xunta “que debe cumprir as súas obrigacións, Galicia recibiu co plan para modernizar a FP do goberno central 114 millóns de euros só no 2022”. “A cohesión territorial é fundamental para os mozos e mozas de comarcas como esta, pero a Xunta non cumpre dándolle oportunidades para que se formen, xa que os fondos estatais si os reciben”, engadiu Castellanos.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, apuntou que “a despoboación do rural é evidente, temos que formar aos máis novos, non só na hostalería, tamén en sectores como a pesca, pero parece que non hai vontade”, mentres que o alcalde de Muxía, Iago Toba, lamentou que “os feitos contradigan ás promesas da Xunta, estamos no momento de dar pasos nun sector fundamental como o turismo; hai industria pero faltan profesionais”. Mónica Rodríguez, alcaldesa de Vimianzo, engadiu que “o tecido empresarial pide traballadores formados para o destino Costa da Morte, pero non atendemos as súas necesidades e se os mozos marchan a formarse a outros sitios, xa non regresan”.

“Desde o instituto Fernando Blanco de Cee demandaron este ciclo de hostalería e restauración e eu mesma mantiven varias reunións coa Consellería de Educación, pero esixía que o concello asumirá as instalacións e o seu mantemento, algo inviable”, rematou Margarita Lamela.