Aspaber quere ampliar a súa oferta residencial

Servizos Sociais
Manuel Lavandeira
Fernando González, á dereita, co alcalde, segundo, concelleiros e a directora de Aspaber, á esquerda, conversando cun dos usuarios da asociación. Foto: C. C.

CARBALLO. Aspaber recibiu este mércores a primeira visita de Fernando González Abeijón dende que ocupa o cargo de director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade. Estivo acompañado polo alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures; e os concelleiros do PP Rubén Lorenzo e Beatriz Neira. En representación da asociación asistiron o presidente, Rufino Fraga, e o directivo José Antonio Silván, ademais da directora do centro, Dolores Fernández.

Visitaron as instalacións da Brea acondicionadas cun proxecto subvencionado pola Deputación, a Xunta e Agader, e que permitirán a implantación dun novo servizo orientado á formación e o emprego. Unha vez acadado este obxectivo, a directiva de Aspaber puxo sobre a mesa a urxencia de ampliar a oferta residencial. Segundo explicou Dolores Fernández, a residencia actual, con 17 prazas, ten unha ocupación do 100% dende a súa apertura.

Ante unha demanda que vai en aumento, e á que non se lle pode dar resposta, dende Aspaber traballan na posibilidade de contar cunha nova residencia que permita engadir polo menos 30 prazas máis e atender as necesidades das familias. Fernando González explicou que por parte da Administración autonómica existe unha liña de axudas, ás que pode optar Aspaber, en réxime de concorrencia competitiva.