Axudas para contratar o alumnado do obradoiro de emprego Carballo Coida

Emprego
Manuel Lavandeira
Alumnas do obradoiro Carballo Coida realizando prácticas. Foto: Concello de Carballo

CARBALLO. O Concello carballés fixo públicas as bases para a convocatoria de axudas a través de incentivos á contratación temporal por conta allea do alumnado traballador do Obradoiro Dual de Emprego Carballo Coida na especialidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. As contratacións incentivaranse cunha subvención fixa de 1.500 euros por cada traballador/a, correspondente a un contrato mínimo de 3 meses a xornada completa.

Terán que formalizarse, con carácter xeral, entre o 29 de xullo e o 19 de agosto. O número máximo de contratos a incentivar será de 11. Os beneficios establecidos nesta convocatoria serán incompatibles con outros que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento do emprego. Con todo, serán compatibles, no seu caso, coas bonificacións ou reducións de cotizacións á Seguridade Social. M. LAVANDEIRA