Baio reivindica a figura de Labarta Pose

Estudosos da súa obra realzaron a súa defensa da muller, a lingua ou os animais a través dos seus versos // Subliñaron ademais a súa relación emocional con Galicia
Literatura
José M. Ramos
Xosé María Lema, á esquerda en primeira fila, Ricardo García Mira, Xosé Manuel Varela, Milagros Bará, Jorge Mira, a concelleira Pilar García e o alcalde de Zas, Manuel Muíño, que foi o encargado de inaugurar as xornadas en Baio. Foto: J. M. R.

O centro sociocultural de Baio (Zas) xuntou este sábado a un grupo de estudosos do multifacético escritor e xornalista baiés Enrique Labarta Pose co fin de divulgar a súa vida e obra seguindo as súas múltiples pegadas.

O vimiancés Xosé María Lema, catedrático de Xeografía e Historia e doutor en Historia da Arte, abriu as xornadas introducindo aos asistentes no contexto histórico que lle tocou vivir a Labarta Pose, destacando que “naceu en tempos de Isabel II, viviu a súa xuventude durante o Sexenio Democrático con Alfonso XII e morreu cando xa reinaba Alfonso XIII”. No ano 1887 publicou unha poesía que, segundo Lema Suárez, pódese interpretar como “unha metáfora da situación política da súa época”.

E é que, como subliñaron todos os relatores, o escritor baiés, aínda que é máis coñecido polo seu carácter humorístico e festivo, “amosa nos seus versos un trasfondo grande de crítica social”, afirmou o filólogo Xosé María Rei. A través dos seus poemas, engadiu, fai patente a súa defensa da muller, dos animais e da lingua galega, e tamén a súa crítica ao caciquismo.

Nembargantes, “só se considerou a súa faceta humorística porque, se cadra, é que a xente non soubo tomar en serio o humorismo labartiano”.

Enrique Labarta viviu 11 anos na cidade de Pontevedra, onde deixou unha fonda pegada cultural e social, segundo subliñou a escritora e cronista local Milagros Bará. Ademais de cultivar o xénero literario e de dirixir diversas publicacións, tamén “deixou unha gran testemuña fotográfica”, afirmou. Mantivo estreitos vínculos con destacados persoeiros e Bará subliñou tamén a súa relación con “inventores e pioneiros”. Así, colaborou coa instalación dun fonógrafo no centro da cidade no ano 1894.

O catedrático de Psicoloxía Social da UDC, o tamén baiés, Ricardo García Mira, asegurou que “Labarta transmite en toda a súa obra unha gran relación emocional con Galicia, que se reflexa moi ben no poema Que me enterre aló”.

No encontro, e a proposta do filólogo malpicán Xosé Manuel Varela, os participanrtes deron lectura ao poema A patrona de Tabeirón.

As xornadas foron inauguradas polo alcalde de Zas, Manuel Muíño, quen afirmou que o Concello traballa “para intentar poñer a figura de Labarta Pose no seu contexto histórico e para que se faga xustiza co autor”, á espera de que a Real Academia Galega lle adique o Día das Letras Galegas. Como colofón ao encontro, deseñado, coordinado e presentado pola técnica de Turismo de Zas, Tania Carreira, os asistentes percorreron o Roteiro Literario Enrique Labarta Pose na Costa da Morte.