Éxito das travesías entre Pontecesures e Ribeira // Santiago Palacios descubriu que a ruta acaba en Corrubedo e quixo completar a que iniciou en Montpellier

Barbanza atrae ós peregrinos co Camiño A Orixe

Peregrinación
Suso Souto
promoción. Numerosas persoas desfrutaron este verán das travesías en catamarán entre os portos de Pontecesures e Ribeira no marco do programa Ribeira fai Camiño para promocionar a ruta A Orixe. Fotos: C.R.

O Concello de Ribeira vén de clausurar as viaxes do programa Ribeira fai Camiño, que con saída dende Pontecesures e chegada ata a capital do Barbanza, comezaron no mes de xullo co propósito de promocionar o Camiño A Orixe e a Traslatio.

A actividade, que tiña por obxectivo poñer en valor o patrimonio Xacobeo no seu percorrido, así como a vinculación dos pobos da ría de Arousa co mar, un vínculo que se manifestou desde a Idade Media cos produtos do mar que abastecían a Mitra Compostelana, rematou cuns resultados moi positivos. Cabe destacar o interese que espertou nos peregrinos e que chegaron ata A Orixe grazas a esta iniciativa turística.

Un dos peregrinos que decidiu facer esta ruta por Barbanza foi o compostelán Santiago Palacios Rodríguez, quen, xunto cun amigo, peregrinou en 2017 en bicicleta dende Roma, facendo 1.500 quilómetros ata Montpellier (Francia) tras percorrer a Lazio, a Toscana, a Espezia e a Costa Azul. O 6 de xullo decidiron retomar e rematar o Camiño.

Comezaron onde o deixaron (Montpellier) e percorreron outros 1.500 quilómetros pola vía Tolosanna, o Camiño Francés e o Camiño de Inverno ata Santiago. Cando chegaron a Compostela, descobriron que existe un Camiño que acompaña por terra o itinerario que fixeron os restos do Apóstolo na barca de pedra e que remata en Corrubedo, ata onde decidiu continuar Santiago Palacios, finalizando así o seu Camiño dende Roma. Finalmente, este apaixoado peregrino embarcouse na travesía Ribeira fai Camiño, quedando encantado coa actividade que promove a Asociación A Orixe que preside Manuel Mariño.