CICLO ITINERANTE. Paisaxes Sonoras comeza o xoves 25 a carón das antigas naves de salazón da Pobra con Alice Wonder, que se abriu paso compartindo vídeos caseiros // Alba Reche, exconcursante de OT, actúa o 26 en Ribeira TEXTO Suso Souto

Barbanza une música e paisaxe nun festival de catro concertos

Concertos
Suso Souto
PRESENTACIÓN. Pola esquerda, Fátima Cachafeiro, Raquel García, María José Sampedro, Lois Piñeiro, María Outeiral, Patricia Lojo e Suso Santamaría, na presentación de Paisaxes Sonoras. Foto: Suso Souto

Por terceiro ano, o festival de carácter itinerante Paisaxes Sonoras presenta unha proposta cultural singular baseada na mestura de paisaxes emblemáticas e recursos culturais e turísticos da comarca do Barbanza.

Dende a Mancomunidade Barbanza-Arousa búscase achegar as potencialidades do territorio ós visitantes e á poboación da comarca mediante un formato innovador no que a natureza é o escenario principal, converténdose na protagonista absoluta da creación artística.

Nesta terceira edición, Paisaxes Sonoras consolídase ofertando catro xornadas consecutivas durante os vindeiros días 25, 26, 27 e 28 de agosto, apostando pola complementariedade da oferta musical coa enogastronomía do territorio do Barbanza.

Este mércores tivo lugar a presentación do festival nun acto no que participaron as concelleiras de Cultura da Pobra, Patricia Lojo; de Ribeira, María José Sampedro; de Boiro, María Outeiral; e de Rianxo, Raquel García, así como o presidente de turno da Mancomunidade, Lois Piñeiro, e a xerente, Fátima Cachafeiro, quen destacou a importancia do traballo conxunto entre a entidada e as concellerías para levar a cabo un proxecto común en clave de posta en valor de destino turístico.

Esta cita cultural dará comezo con Alice Wonder o xoves 25 de agosto ás 21.30 horas a carón das ruínas das antigas naves de salazón do Areal, na Pobra. Alice Wonder comezou a súa carreira musical gravando vídeos caseiros e compartindo o contido nas redes sociais. Especialmente Instagram axudouna a medrar rapidamente, ata lanzar en 2017 o seu primeiro EP: Take Off. En 2018 alcanzaría a fama coa publicación do seu primeiro LP, FireKid.

O resto das localizacións están aínda por decidir. O venres día 26, Paisaxes Sonoras trasladarase a Ribeira con Alba Reche ás oito e media da tarde. Trátase dunha cantautora e artista plástica que se deu a coñecer no concurso de TVE Operación Triunfo, na súa edición do ano 2018, quedando na segunda posición. O álbum recopilatorio das súas cancións no certame debutou como número un nas listas de vendas de España.

O sábado 27 será a quenda do Concello de Boiro coa actuación de Davide Salvado e Cibrán Seixo, tamén ás oito e media da tarde. Davide e Cibrán son grandes coñecedores da tradición musical galega, e acercan ó público a música atlántica: música tradicional ibérica, fado, boleiro e jazz pasados polo filtro sonoro de instrumentos de corda (como violíns, violas e guitarras).

O peche do festival, realizarase o día 28 en Rianxo cunha sesión vermú a cargo de Los saxos del averno ás 13.00. A formación naceu como un estratosférico combo de saxofóns que acompañaban a grupos como Ginferno, The Limboos, Pájaro ou Julián Maeso.

as entradas están á venda. As entradas para poder asistir aos mencionados concertos xa están á venda dende este mércores ás 13.00 horas a través da plataforma Wegow. O público interesado poderá mercar un número moi limitado de abonos polo prezo de vinte euros máis gastos de xestión, ou entradas individuais dende sete euros máis os gastos de xestión.

Este ano, reforzando o compromiso co territorio, a Mancomunidade Barbanza-Arousa e as catro concellerías de Cultura de A Pobra, Boiro, Rianxo e Ribeira queren dar un lugar especial á gastronomía local e aos viños da Indicación Xeográfica Protexida Barbanza e Iria, que estarán presentes ao longo dos catro días de Paisaxes Sonoras, unindo así enogastronomía, paisaxe e música.

delegribeira@elcorreogallego.es