BeirAtlántica, un novo roteiro para dialogar co mar dende a costa de Muxía

Pódese recorrer fisicamente e de xeito virtual a través de códigos QR e unha web // É o terceiro proxecto europeo impulsado pola Asociación de Profesionais Percebe da Barca
Turismo
José M. Ramos
Parte dos asistentes ao acto inaugural do roteiro BeirAtlántica pola costa de Muxía. Foto: Luis Polo

Son moitos os motivos e argumentos para visitar e gozar de Muxía, pero, dende este xoves, veciños e visitantes xa teñen un máis: BeirAtlántica, un roteiro que permite descubrir a vila da Barca desde unha perspectiva diferente.

Trátase do terceiro proxecto europeo da Asociación de Profesionais Percebe da Barca, que foi presentado na tarde do mércores polo seu secretario Santiago Pérez. É unha iniciativa que pretende “atraer desenvolvemento, turismo e crecemento económico a Muxía”, afirmou. Busca ademais “poñer en valor o noso mar desde a sustentabilidade, a integración e a comunicación”, engadiu.

Este roteiro, que se pode percorrer de xeito físico e tamén virtualmente, é ademais “unha ilusión por innovar, por tecnificar e por vender máis e mellor o noso, competindo pero cooperando á vez. Ao final, a nosa meta é a transformación, a empregabilidade e a maior aproximación entre o mar e a costa. Oxalá logremos conseguilo”, subliñou o secretario do colectivo de percebeiros e percebeiras da vila da Barca.

Apelou á unión, desde o convencemento de que “todos xuntos, seguro que podemos”. E é que, engadiu, “desde o Anllóns a Malpica, desde Laxe a Camariñas, Muxía quere ser ese roteiro que sexa capaz de facernos converxer cara ao futuro sen deixar nunca atrás o noso pasado. Sábeno ben Toñico, Julia, Claudina, Otilio, Santi, Paco, Belén, Manolo e Jacqui. A costa necesita diálogo co mar. Porque, que sería desta terra sen o Atlántico?”.

Agora dende a Asociación de Profesionais Percebe da Barca desexan que veciños e visitantes “gocen cada metro do roteiro, de cada fotografía da web e de cada segundo de entrevistas”, sinalou Santiago Pérez. Porque “como se di en cada unha das súas cabeceiras: Ás beiras do Atlántico, cando as xentes do mar entran en sintonía co medio, prodúcese unha sinfonía que vale a pena escoitar”, concluíu.

O acto de presentación, presidido polo alcalde, Iago Toba, contou tamén co fotógrafo Luís Polo que, segundo o secretario dos percebeiros, foi quen “un día soñou xunto a nós este roteiro e quen nos axudou a facelo realidade”, polo que foi el o encargado de guiar o primeiro recorrido pola BeirAtlántica.

Entre os participantes no percorrido inaugural estiveron tamén o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; o director do Parador de Turismo Costa da Morte, Julio Marcote; o presidente da Asociación de Profesionais do Turismo de Costa da Morte, Pepe Formoso; o xerente do GALP Costa da Morte, Guillermo González; e o historiador e divulgador Xan Fernández Carrera, ademais do presidente da Asociación de Profesionais Percebe da Barca, Víctor Haz, directivos e veciños da zona.