Bela Fisterra, un proxecto con alma cultural e sostible

Incorporouse á lista de doce hoteis co selo de Galicia Calidade // As súas habitacións están adicadas a grandes obras literarias
Distinción
Manuel Lavandeira
Gonzalo Trenor, esquerda, Ana Méndez, Pepe Formoso e José Marcote durante a entrega do selo de Galicia Calidade ao Bela Fisterra, situado a pé de praia e do Camiño. Foto: Xunta

O hotel Bela Fisterra segue a consolidarse como un referente en calidade e sostibilidade, non só na Costa da Morte, senón no ámbito de Galicia e incluso máis aló. Este martes, o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregaron ao seu xerente, Pepe Formoso, o certificado de uso da marca de garantía Galicia Calidade, que acredita a excelencia dos servizos do complexo turístico, e que permitirá á empresa incluír o distintivo nas súas instalacións, así como nas diferentes accións de comunicación e promoción.

Formoso asegurou que é “un selo que nos enche de orgullo”, e lembrou que o establecemento xa fora recoñecido coa Q de Calidade polas súas instalacións de xeotermia, e recibiu tamén a S de Sustentabilidade. Trátase dun proxecto no que a sostibilidade é un dos seus piares. Dispón de equipos xeotérmicos, placas fotovoltaicas e recicla a auga da choiva para regar os xardíns. Nun futuro próximo “habilitaremos unha alberca natural, que estará osixenada por un estanque con plantas”, adiantou o xerente do establecemento.

É, ademais, o primeiro hotel literario de Galicia, e cada unha das súas dezaseis habitacións están adicadas a grandes obras da literatura vinculadas ao mar. “O que pretendemos é que o hotel teña alma cultural, e por iso ao longo de todo ano promovemos distintos eventos”. Un dos cuartos, Marea Viva, está adicado a autores vivos, sendo a súa primeira madriña a poeta Yolanda Castaño, da que pronto tomará o relevo o Premio Nacional de Poesía, Juan Carlos Mestre.

Asemade, a través de códigos QR pódese acceder aos textos completos e a biografía do autor en cada caso.

Ana Méndez destacou a aposta pola calidade deste hotel, e puxo en valor a particularidade que supón na oferta turística de Galicia pola súa identidade vinculada á literatura e ao mar, “como claro expoñente do talento e da creatividade do empresariado galego e, en particular, desta iniciativa que harmoniza de forma tan natural arquitectura, paisaxe, mar e literatura”.

Coa incorporación do Bela Fisterra xa son 12 os hoteis que contan co selo de Galicia Calidade no conxunto das 150 empresas certificadas con máis de 600 produtos e servizos co selo de garantía, que engloban os sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e planta ornamental.

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, subliñou que “hai establecementos e proxectos que van máis aló, que lideran e son referentes e que fan que todos nos sintamos orgullosos deles. Os seus beneficios trascenden ao que é a conta de resultados dos seus propietarios, e son negocios que marcan unha comarca e que xeran beneficios para a toda a cidadanía. O Bela Fisterra é un deles”.

Pola súa banda, o alcalde de Fisterra, José Marcote, destacou que a aposta por un turismo de calidade e sostible “é algo polo que debemos de traballar entre todos”. Dende o Concello fisterrán seguen a dar pasos adiante nese obxectivo, e lembrou que no último pleno a Corporación local acordou adherise á Declaración Mundial para a Protección dos Ceos Nocturnos, “que tamén se enmarca dentro do turismo sostible”. Os concellos da Costa da Morte, engadiu, “estamos a traballar nun proxecto para ser declarados destino Starlight”.

Falar de Fisterra, “é falar de turismo e hoxe xa podemos dicir que, xunto coa pesca, este sector é o PIB máis importante do noso municipio”, subliñou. “Somos un Concello de 4.700 habitantes e ofertamos 2.700 camas para durmir, e agora o reto máis importante que temos é que o visitante siga vendo que o trouxo ata aquí”, concluíu.