Durante os meses de agosto e setembro desenvolveranse conferencias, rutas e visitas teatralizadas no municipio // Todas as propostas son de balde pero hai que inscribirse previamente ao ser o aforo reducido por seguridade TEXTO Claudina Estévez

Boqueixón une arqueoloxía do Pico Sacro e cultura Xacobea

Pico Sacro
Claudina Estévez
Pola esquerda, Ovidio Rodeiro, Valentín García, Manuel Fernández e Gonzalo Trenor, onte na presentación de Un mes e Pico. Foto: C. Boqueixón

Boqueixón encherase de conferencias, visitas teatralizadas e rutas literarias e arqueolóxicas durante os meses de agosto e setembro. Todo grazas á terceira edición do ciclo Un mes e Pico, que este ano terá a arqueoloxía do Monte Sagrado e a cultura Xacobea como eixes temáticos. O programa foi presentado onte polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, que estiveron acompañados por Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Ovidio Rodeiro, deputado autonómico.

Nesta ocasión celebraranse un total de sete actividades, entre o 14 de agosto e o 25 de setembro, que serán de balde. Se ben o aforo virá limitado, polo que se fai imprescindible inscribirse previamente no correo boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513061.

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, felicitou ao Concello de Boqueixón “por esta ambiciosa iniciativa que inclúe unha gran variedade de actividades nun lugar emblemático non só desta comarca, senón de Galicia”. Algo no que coincidiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, para quen “a importancia do Pico Sacro como porta de Compostela é que alberga algunhas das lendas máis interesantes da traslatio do Apóstolo”, ao tempo que destacou que a programación xuntará “conferencias de importantes arqueólogos con actividades lúdicas como esas visitas teatralizados e a ruta literaria, pois o Pico foi sempre un punto de atracción para o mundo literario galego”.

O ciclo arrancará con dúas conferencias na capela de San Sebastián: As montañas e as cousas. Xenealoxía dunha paisaxe sacra, a cargo de Felipe Criado Boado (sábado 14 de agosto, ás 19.00 horas), e Xeoastronomía da antiga Gallaecia (medicións, datos e interpretacións): Santiago e o Pico Sagro no tempo dos mouros, da man de Antón Bouzas Sierra (sábado 21 de agosto, ás 20.00 horas).

Un día despois, o domingo 22 de agosto ás 11.00 horas, será o turno da primeira das tres saídas programadas: unha ruta arqueolóxica polo Monte Sagrado e a súa contorna da man da arqueóloga e antropóloga Ana Isabel Filgueiras Rei, que traballa no Plan Integral de recuperación e dinamización do patrimonio material e inmaterial do enclave. A ruta percorrerá lugares do cristianismo primitivo como San Sebastián do Pico Sacro, San Lourenzo da Granxa, fortaleza, mámoas na contorna do Pico, o mosteiro medieval...

Xa no mes de setembro, Os Quinquilláns prepararán cinco visitas teatrais no cumio do monte sagrado: A Raíña Lupa e o encanto do Pico Sacro (os días 4, 11, 18, 19 e 26 de setembro, ás 17.30 horas). Nela relatarase como foi en realidade a lenda do Pico e as probas que os discípulos de Santiago tiveron que pasar. Por outra banda, o domingo 12 de setembro, ás 11.00 horas, Compos Tours ofrecerá un percorrido literario cara o Monte Sagrado dende o Centro de Interpretación.

Finalmente, o sábado 25 de setembro, ás 20.00 horas, terá lugar o peche de Un mes e Pico cunha conferencia a cargo do historiador Martín Almagro-Gorbea baixo o título A Raíña Lupa e o Monte Sacro. A charla desenvolverase na capela de San Sebastián.