A Mostra dedícase este ano á figura da muller dentro do oficio cazoleiro // Ademais das demostracións en vivo haberá ata o domingo exposicións, charlas, coloquios, espectáculos, pasarrúas e un concerto a cargo de Guadi Galego TEXTO Víctor Furelos

Buño vístese de festa para amosar a súa olería ó mundo

Artesanía
Víctor Furelos
O presidente da Asociación de Olería de Buño, Fran Gorín, durante o seu discurso na Mostra da Olería. Foto: C.M.

Xa está oficialmente en marcha a XXXVII edición da Mostra de Olería de Buño, que comezou onte e remata este domingo. Este xoves tivo lugar o acto de inauguración do evento, que este ano se dedica á figura da muller dentro do oficio oleiro.

No acto de presentación participaron o alcalde de Malpica, Walter Pardo Añón; a concelleira de Olería, Leticia Naya Varela; o presidente da Asociación de Olería de Buño, Fran Gorín; a secretaria da Delegación Territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Patricia Rodríguez Franco; e a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, María Rivas López.

Fran Gorín foi o encargado de introducir a todas as personalidades presentes no acto inaugural. O presidente de Olería de Buño, que rexenta o Obradoiro Gorín, agradeceu “todo o esforzo das entidades e persoas implicadas por sacar adiante esta edición da Mostra a pesar de todas as dificultades sanitarias”.

Pola súa banda, a concelleira da Mostra, Leticia Naya, fixo extensible este recoñecemento “a todo o tecido asociativo do municipio por facilitar e colaborar á hora de confeccionar a programación deste ano”. Cómpre destacar que durante os vindeiros días haberá, ademais das clásicas demostracións en vivo do oficio con varias sesións diarias, diversas exposicións, charlas, coloquios, espectáculos, pasarrúas e un concerto a cargo de Guadi Galego.

Neste sentido, Patricia Rodríguez Franco explicou durante a súa intervención que se trataba “dun ano moi emotivo para retomar a celebración da Mostra logo das complicacións xurdidas a raíz da situación sanitaria”. Así, agarda que nesta edición “a localidade de Buño siga a demostrarlle ao resto do mundo as súas potencialidades como referente artesán galego e peninsular”.

O alcalde de Malpica, Walter Pardo, pechou o ciclo de agradecementos destacando “a memoria viva coa tradición oleira que mantén Buño trinta e sete anos despois da primeira edición da Mostra”. “O Concello segue e seguirá traballando man a man coa Olería de Buño para avivar a chama desta celebración de todas e todos os malpicáns”, concluíu o rexedor no seu discurso.

Despois das intervencións, o grupo de autoridades realizou unha visita polos postos instalados no percorrido da Mostra da Olería logo da actuación gaiteira da Asociación Cultural Malante. Pouco despois comezaría a primeira demostración de olería ao torno da xornada na Praza de Santa Xusta, que se habería repetir pola tardiña.

Tamén pola tarde, a Asociación Visibles inaugurou a exposición Sen elas non hai olería, pouco antes de que Malante puxera de novo banda sonora ás últimas horas do día cunha actuación polas rúas de Buño. O mago Álex Louzao pechou este primeiro día da Mostra cun espectáculo apto para todos os públicos.

Os responsables dos diferentes actos da Mostra da Olería lembran que todos os eventos están condicionados á normativa sanitaria vixente, que é de cumprimento obrigatorio. A organización do evento, na que se inclúen o Concello de Malpica, a Asociación Olería de Buño e a Deputación da Coruña, traballa conxuntamente co obxectivo de reducir ao máximo as posibilidades de contaxio do coronavirus.