Buscan regueifeiros sen medo a confrontar ideas

Volve o programa Enregueifate nas categorías escolar e xeral // Inclúe obradoiros formativos e tamén certames
Obradoiros
Marcos Manteiga
Un dos obradoiros sobre regueifas, neste caso impartido aos alumnos no Instituto do Milladoiro. Foto: CDA

Se vostede goza do don da ocorrencia verbal, ou quere abrirlle as cancelas á súa lingua, non o dubide: o seu sitio está na quinta edición do programa Enreguéifate, que xa está á procura de quen desexe sumarse e prácticar a arte da improvisación oral coas regueifas en galego.

Trátase dunha iniciativa que, ademais de ao Concello de Ames, inclúe ó de Teo, Santiago de Compostela, Pontevedra e Rianxo, coa meta fixada en revitalizar a regueifa valéndose de novos formatos e espazos e promover o uso do galego a través da improvisación oral en verso. Para achegar esta arte á rapazada de Ames, impartíronse once sesións do cuarto obradoiro Enreguéifate nos centros de ensino, que vénd e rematar. O prazo de participación para o vindeiro estará aberto ata o 28 de maio de 2021 , con anotacións a través da páxina web do certame, onde tamén están xa dispoñibles as bases.

Dende hai cinco anos, e a través do certame Enreguéifate, estase na procura de estudantes e público en xeral que se apunte á práctica da arte da improvisación oral coa regueifa en lingua galega. Nesta ocasión, faino ademais coa recente boa nova de ter recibido o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua ao mellor proxecto estabilizado.

O Concello de Ames anima á veciñanza a participar neste certame no que haberá dúas categorías; a xeral e a escolar, e seis premios en cada unha das mesmas: Regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada.

Ademais do certame, cada ano desenvólvense unha serie de obradoiros formativos sobre a regueifa nos centros de ensino dos concellos organizadores. Josinho da Teixeira e Lupe Blanco impartiron en Ames once sesións do obradoiro de regueifa nos colexios e institutos de Ames durante catro días. Comezaron o luns 22 de marzo, no CEP de Ventín, onde corenta alumnos de 6.º de Primaria participaron nas dúas primeiras sesións, impartidas pola pandereteira e regueifeira de Bergantiños, Lupe Blanco. E xa o 23 de marzo tocoulle a quenda ao alumnado do CEIP Agro do Muíño. Os nenos de 5º de primaria asistiron a dito obradoiro tamén impartido por Lupe Blanco, continuando o 9 de abril cos talleres organizados nos institutos das dúas urbes amesás.