Camariñas distingue a Xosé Luis Blanco Campaña como Fillo Predilecto

Camariñán de “nacemento e vocación” di que este “é o honor máis grande que me poden dar”
Distinción
Manuel Lavandeira
Xosé Luis Blanco Campaña será nomeado Fillo Predilecto o o día 8 de outubro nunha sesión extraordinaria. Foto: C. C.

A Corporación de Camariñas celebrará un pleno extraordinario o vindeiro día 8 de outubro, ás 16.00 horas, para nomear Fillo Predilecto ao xornalista, escritor e compositor Xosé Luis Blanco Campaña.

Farase unha hora antes de inaugurar a XXX Mostra do Encaixe, en cuxa primeira edición Blanco Campaña presentou o seu libro Camariñas, terra de palilleiras, acompañado por dous invitados de excepción: o intelectual Isaac Díaz Pardo e o escritor e actual presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes. Alí estaba tamén o entón alcalde, Juan Bautista Santos Ramos, tal e como lembra trinta anos despois o ilustre camariñán.

“É o honor máis grande que se me pode dar na vila onde nacín”, afirma Xosé Luis, que non dubida en declararse “camariñán de nacemento e de vocación”. Dende moi novo foi emigrante. Residiu en cidades como Madrid e Barcelona, onde cursou os seus estudos, pero “Camariñas sempre estivo na miña mente e no meu corazón, tamén nos momentos máis dificiles da miña vida”, sinala.

Considera que esta é unha distinción da que son merecedores “todos os camariñáns, pois a inmensa maioría están enamorados da nosa xente, das nosas tradicións e costumes”. Agarda que isto sirva “para unirnos máis aínda”, e subliña que “se alguen merece esta distinción sos os meus pais, que foron os que me ensinaron o galego e a decir bos días e boas tardes”.

Como bo camariñán, Xosé Luis Blanco segue sendo socio do Camariñas Club de Fútbol e membro da funeraria da vila “porque nunca deixei de vivir a vida camariñá”.

O seu sentir está presente tamén en boa parte da súa obra creativa. Compuxo máis de cen cancións, todas en galego e moitas delas dedicadas á súa localidade. “Isto faise por amor á túa terra e á cultura galega”, afirma.

Entre os convidados á sesión plenaria na que será distinguido como Fillo Predilecto estará o alcalde do veciño concello de Muxía, Iago Toba Campaña, un municipio co que Camariñas mantén “unha relación exemplar”, a pesares da rivalidade que deu pé a “armar contos”, afirma Xosé Luis. Son moitos os lazos que os unen e, como exemplo, subliña con sorna, por primeira vez “Muxía ten un alcalde con dous grandes apelidos, Toba, que é muxián, e Campaña, moi camariñán”.