Andainas. Trescentas cincuenta persoas sumáronse ao roteiro solidario por Malpica para colaborar na loita contra o cancro // Alumnos da UNED percorreron Ponteceso e a comarca bergantiñá // Dende
A Laracha viaxaron ata o municipio de Zas para gozar dos encantos da ruta da auga TEXTO Manuel Lavandeira

Camiñando pola Costa da Morte

Sendeirismo
Manuel Lavandeira
Malpica. Participantes na andaina solidaria coa loita contra o cancro. Foto: Concello de Malpica

Ducias de persoas calzaron as botas esta fin de semana para camiñar pola Costa da Morte con diferentes fins: solidarios, lúdicos e formativos.

Así, na Laracha comezou o programa Andainas na Primavera, que organiza o Concello. A primeira saída, á que se sumaron corenta e unha persoas, foi para percorrer a Ruta da Auga, polo municipio de Zas.

A inscrición continúa aberta para a Ruta Sendeiro Laxe-Traba (8 de maio) e a Ruta Caión-Baldaio (día 22 de maio). Está limitada a persoas empadroadas no termo municipal da Laracha, é gratuíta e debe formalizarse no concello.

Pola súa banda, o Concello de Malpica, xunto coa Asociación Española contra o Cancro, organizaron este domingo a andaina solidaria En marcha contra o cancro, que reuniu a 350 persoas, das que vinte foron nenos e nenas.

O Concello tamén doou duascentas chapas artesáns realizadas polo oleiro Antonio Pereira O Rulo. Uns accesorios, elaborados en barro e nos que o lazo verde distintivo está pintado a man. Serán vendidos a 10 euros pola asociación, que recadará integramente o importe das ventas que realice.

Una achega que agradeceu Carmen Teresa Blanco, presidenta da agrupación local da Asociación de Loita contra o Cancro, ao tempo que destacou “a implicación e compromiso” amosado pola veciñanza e polo Concello, que estivo representado polo alcalde, Eduardo Parga, as concelleiras Noeila Freijeiro e Marisol Blanco, así como dos voluntarios de Protección Civil e todas as persoas que colaboraron para que todo saíra ben, especialmente á técnica de Deportes, María Bardanca. “Sen todos eles non sería posible a realización de esta andaina”, afirmou.

Unha colaboración que quixo agradecer entregando o diploma outorgado pola Asociación Española contra o Cancro ao colectivo en recoñemento aos 20 anos de traballo. A presidenta da entidade tamén destacou que coa venda de camisetas, chaquetas e bolsas recadaron 600 euros. Unha contía que, xunto coa das inscricións e a da venta das chapas, irá destinada ás actividades da asociación e á investigación.

Os participantes percorreron unha ruta de cinco quilómetros que partiu da Fonte de Villar Amigo e discorreu por San Antonio, Castelo, Seixas, Ardeleiro e Lapachán antes de rematar no punto de partida. A actividade foi presentada pola xornalista malpicán Selina Otero.

E en Ponteceso recibiron a visita de 51 alumnos e alumnas da UNED da Coruña, que recalaron nalgúns dos enclaves máis destacados do municipio a través dunha ruta histórica patrimonial e cultural pola comarca de Bergantiños.

Unha actividade que permitiu aos participantes coñecer os elementos singulares de Ponteceso, como as igrexas de Cores e Mens cuxos segredos e detalles foron dados a coñecer por Luís Giadás Alvárez, profesor de Historia no IES Eduardo Pondal. Posteriormente fixeron a ruta do mar de Corme ata a Praia de Balarés, guiados polo técnico de Turismo, Javier Couto. Visitaron tamén o cabo Roncudo e o dolmen de Dombate, onde foron recibidos polo xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní.