Carballo aposta por formar en diversidade para evitar a discriminación e os acosos

Achegan ás aulas a realidade das persoas LGTBI // Vieiro pon en marcha un novo programa de educación afectivo-sexual
Educación
Manuel Lavandeira
Unha das sesións formativas promovidas por Vieiro nos centros carballeses. Foto: Xomar

A formación e a prevención son os eixos de dúas novas iniciativas que chegan ás aulas dos centros educativos de Carballo da man da Concellería de Igualdade, o colectivo ALAS e a asociación Vieiro.

Formar ao alumnado con respecto á terminoloxía especifica e á realidade das persoas LGTBI no contexto educativo para previr posibles casos de acoso ou discriminación é o obxectivo xeral da formación en diversidade LGTBI que está a ofrecer a Concellaría de Igualdade, a través da asociación ALAS Coruña, a estudantes de 3º e 4º curso da ESO do IES Alfredo Brañas.

A actividade consta de oito sesións que se celebraron ao longo da última semana. O traballo nas aulas consistiu no coñecemento de terminoloxía básica sobre orientación sexual, identidade ou expresión de xénero; o uso de linguaxe inclusiva, recomendacións para “saír do armario”, recoñecemento da discriminación e consecuencias do acoso LGTBIfóbicos. O traballo realizouse en grupos reducidos, utilizando distintos materiais de apoio.

O obxectivo deste tipo de formación, que dende a Concellaría de Igualdade ponse a disposición de todos os centros interesados, é fomentar no alumnado o respecto á diversidade sexual e de xénero a través do coñecemento e conseguir que sexa quen de identificar as situacións de discriminación.

Pola súa banda, a Asociación Vieiro porá en marcha este mércores, día 26, o programa de educación afectivo-sexual: Quéreme Ben, dirixido ao alumnado de terceiro e cuarto de Educación Secundaria. O obxectivo deste plan preventivo é incrementar o nivel de coñecemento, habilidades e desenvolvemento de actitudes que contribúan a elevar o nivel de saúde sexual na poboación adolescente propiciando a diminución das condutas de risco na prevención de embarazos de risco e non desexados, así como de enfermidades de transmisión sexual.

Quéreme Ben está concebido como una ferramenta destinada á posta en práctica de procesos de educación afectivo-sexual tratando de proporcionar ferramentas que permitan ao alumnado adquirir capacidades para desenvolver unha vida afectiva responsable, satisfactoria e en igualdade.

Este programa lévase a cabo en formato de taller. Consta de 4 sesións de 55 minutos de duración que se imparten con periodicidade semanal. A Asociación Vieiro agradece “profunda e sinceramente a excelente disposición dos centros educativos, así como todas as facilidades dadas polos equipos directivos e claustro de profesores para poder levar a cabo este programa”. A iniciativa está subvencionada polo Concello de Carballo.

Vieiro é unha entidade de prestación de servizos de drogodependencias, accións e saúde, que o ano pasado atendeu 204 demandas presenciais e telefónicas. Delas, 51 foron consultas realizadas na sede da entidade, sendo atendidos 16 homes e 35 mulleres. A través de vía telefónica foron atendidas 153 chamadas, das que 25 foron realizadas por homes e 128 por mulleres. No que se refiere ao motivo das consultas, destacan as referidas a solicitudes de información sobre programas de prevención, seguido de pautas psicoeducativas de orientación a familias, e sobre substancias, como a cocaína e o alcohol.