Carballo celebra os cincuenta anos do IES Alfredo Brañas

Leva ás rúas unha exposición para difundir a historia do instituto e tamén do colexio Fogar
Educación
Manuel Lavandeira
Alumnado da primeira promoción de 3º de Bacharelato do curso 1970-71. Foto: IES A. Brañas

O IES Alfredo Brañas, coa colaboración do Concello de Carballo, inaugura este xoves, día 9 de decembro, unha exposición conmemorativa do 50 aniversario do que foi o primeiro instituto carballés.

A mostra está composta por un total de corenta paneis distribuídos en dez cubos que recollen a historia recente da educación no municipio. Coincidindo co medio século de vida do instituto e do colexio Fogar, o historiador Xan Fraga fai a través da devandita exposición un repaso pola historia deste dous centros escolares e pola evolución do sistema educativo na capital de Bergantiños.

Poderá verse durante varias semanas no corredor paralelo á rúa Colón, na Praza do Concello. As persoas que a visiten atoparán información de interese e curiosidades como as que se recollen nun folleto publicado con motivo do aniversario, que inclúe imaxes dos alumnos e alumnas da primeira promoción de Bacharelato, que se formou no curso 1970-71.

Ademais, recolle fotografías do inicio das obras e tamén dos edificios dos dous centros educativos cando foron acabados de construir, as cales contrastan de xeito notable co que se pode ver hoxe en día ó seu arredor, cunha vila moito máis desenvolvida urbanísticamente.

Xan Fraga asegura que a educación en Carballo nos anos do franquismo “estaba moi mal dotada tanto en infraestruturas escolares como en profesorado”, polo que “era difícil para a maioría da poboación poder acceder a estudos básicos, medios ou superiores” e por iso “varias xeracións non puideran estudar por falta de recursos”.