Carballo e Laracha rexeitan dous novos parques eólicos

Alegan incumprimentos de distancias a vivendas e denuncian múltiples impactos // Entenden que se fragmentan proxectos
Energía eólica
Manuel Lavandeira
As alegacións presentaranse contra os parques Pedra Queimada e Monteagudo. Foto: ECG

Os concellos da Laracha e Carballo anuncian alegacións contra os parques eólicos de Pedra Queimada e Monteagudo, respectivamente.

No caso carballés xa rexistraron unha decena de alegacións ao proxecto Monteagudo, que está a tramitar a Consellería de Economía, Emprego e Industria nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo, e que prevé a instalación no municipio carballés de 4 aeroxeradores, 4 centros de transformación montados dentro das torres dos aeroxeradores, unha subestación eléctrica que se conectaría a unha nova liña de alta tensión de 66 kV, rede eléctrica, de comunicación e de terras, e un edificio de control de 600 metros cadrados de superficie.

Segundo o informe técnico elaborado polos servizos municipais, no proxecto sectorial exponse erroneamente que todas as infraestruturas do parque eólico quedan fóra da zona delimitada polo Plan de Ordenación do Litoral (POL), xa que un aeroxerador estaría dentro do ámbito do POL.

Tampouco se recolle no documento a existencia dunha vivenda situada a 497 metros dun aeroxerador, cando, segundo a lei, a distancia mínima debe ser de 500 metros.

Así mesmo, o Concello de Carballo pide que se teñan en conta que os posibles usos do solo na área afectada quedarían vinculados ao parque eólico, “sen que se poida realizar sobre dita superficie ningún outro uso ou aproveitamento forestal, polo que se deberá ter en conta esta superficie á hora de computar as afeccións sobre as parcelas”.

O informe tamén alude á instalación dunha torre meteorolóxica que, malia estar ligada ao proxecto non figura na documentación. Tamén se fai referencia ao impacto visual da instalación, que sería visible dende o espazo natural de Baldaio, e afectaría, polo tanto, a unha zona de especial protección. De igual xeito, da análise de parpadeo de sombras dedúcese que 68 edificacións superarían o umbral das 30 horas anuais, polo que sería preciso incluír un plan de seguimento e control.

Pola súa banda, o Concello da Laracha, presentará alegacións ao proxecto do parque eólico Pedra Queimada, que prevé a instalación de dous aeroxeneradores de 5,7 MW de potencia nominal unitaria, un deles preto do núcleo de Alvite (Caión) e, o outro en Arteixo, na parroquia de Monteagudo. Oponse ao proxecto tanto por estar o aeroxenerador previsto moi preto de núcleos de poboación rural (Alvite, Xermaña, O Outeiro, Goxán e O Campo da Costa) como polo seu negativo impacto paisaxístico e medioambiental, xa que a ubicación é próxima ao litoral de Caión e sería moi visible desde a liña da costa.

Ademais, tendo en conta a aparición concorrente de parques eólicos en zonas moi próximas, como é o caso do de Pedra Queimada e o de Monteagudo, intúen que “podería terse fragmentado o proxecto inicial coa intención de que os dous parques se sometan a unha avaliación simplificada”, afirman.