MEDIO AMBIENTE. Na comarca foron 123 os participantes na limpeza simultánea organizada por Adega e que sacaron 1.800 quilos de residuos dos cauces fluviais Valga, Ulla, Freán, Tella, Ameneiral, Anllóns, Catoira, Albariña e Te TEXTO Suso Souto

Case mil voluntarios retiraron co Proxecto Ríos 8 toneladas de lixo

Limpeza de ríos
Suso Souto
AMES. Entre os participantes na limpeza simultánea de ríos estaban dezaseis voluntarios e voluntarias da Aula da Natureza de Ames. Foto: Adega

Unha vez máis, foron moitos os galegos e galegas que se mollaron polos ríos na XV Limpeza Simultánea do Proxecto Ríos da agrupación ecoloxista Adega. Unha actividade que contou cunha gran diversidade de grupos de voluntarios, máis ou menos numerosos, de nenos e maiores. Todos a unha, limparon grandes ríos e pequenos regatos, cun obxectivo común: coidar os ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estean ben conservados.

Esta limpeza simultánea tivo lugar o domingo 25 en 41 concellos de toda Galicia. En cada localidade a actividade foi coordinada por unha entidade (dende asociacións ecoloxistas ou culturais ata fundacións, centros de ensino e concellos). En total implicáronse 62. Nalgún municipio participaron varias asociacións limpando diferentes ríos. Foi o caso de Gondomar, Verín, Tomiño ou Santiago de Compostela, entre outros.

Nesta edición realizáronse limpezas en 51 treitos de ríos e participaron un total de 918 persoas. Adega calcula que os residuos de todos os concellos superan as 8 toneladas.

DEMASIADAS RODAS. Este ano sumáronse á iniciativa novos concellos, asociacións culturais, xuvenís, ecoloxistas, centros de atención á diversidade, scouts, etc. de moitos lugares de Galicia. Outros grupos levan participando dende o inicio do proxecto, e ao longo dos últimos 14 anos obsérvase unha diminución de lixo nos treitos dos ríos amadriñados por estas entidades, aínda que en 2022 volveron aparecer moitas rodas de automóbiles, e outros obxectos voluminosos.

Para esta actividade Adega contou coa colaboración dos concellos de A Estrada, Allariz, Ares, Ames, Carballo, Fene, Gondomar, Meis, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, Rianxo, Ribadumia, Salceda de Caselas, Santiago de Compostela, Teo, Tomiño, Verín e Xinzo de Limia.

Polo que respecta ó ámbito territorial de Área de Compostela formaron parte destas actividades un total de 123 voluntarios de 13 entidades, que ó final da xornada sacaran 1.800 quilos de lixo dos cursos de 9 ríos ó seu paso por dez localidades.

Así, nas limpezas realizadas na Estrada participaron 12 voluntarios da asociación A Xesteira (que retiraron 150 quilos de lixo do Ulla) e 14 da Asociación pola Defensa do Val do Liñares (750 quilos no Freán); en Ames, os 16 da Aula da Natureza retiraron 50 quilos do Ameneiral; en Carballo, 3 de Adega sacaron 60 quilos no Anllóns; en Catoira, 18 de Ecoloxistas de Catoira e da ANPA As Lombas, 100 quilos no río que leva o nome da localidade; en Negreira e A Baña, 11 das asociacións Afonso Eanes e Son Terra, 100 quilos no Albariña; en Padrón, 7 da Asociación Naturalista Hispella, 25 quilos no Ulla, e 13 de Scouts Galicia, outros 300; en Rianxo, 11 da Asociación de Veciños de Araño retiraron 95 quilos de lixo no río Te; en Teo, 8 voluntarios do Concello, 100 quilos no Tella; e finalmente, en Valga, 10 voluntarios da entidade Muíño Didáctico de Campaña, 70 quilos no río Valga.

Por outra banda, Adega convocou a XI Limpeza Simultánea de Praias, que terá lugar os días 14 e 15 de outubro. Polo de agora hai preto de 30 areais e máis de 20 entidades voluntarias anotadas para a limpeza de praias e mantense aberto o prazo para as novas adhesións.