SERVIZOS. Máis da metade dos usuarios residen en municipios de Área // Carballo, Ribeira, Arzúa, Malpica, Melide e Teo son, xunto con Narón, os que teñen o maior número de beneficiarios // A maioría son maiores que residen sós TEXTO M. Lavandeira

Case tres mil persoas reciben teleasistencia en 90 concellos

Servizos Sociais
Manuel Lavandeira
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na central do servizo de teleasistencia cunha das operadoras. Foto: Deputación

O servizo de Teleasistencia domiciliaria que presta a Deputación da Coruña a noventa municipios da provincia con menos de 50.000 habitantes (todos a excepción das cidades da Coruña, Santiago e Ferrol) conta xa con 2.903 usuarios e usuarias na actualidade.

Durante o último ano foron atendidas desde a súa central, situada no polígono de A Grela (A Coruña), 127.843 chamadas e rexistráronse un total de 333 novas altas. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembra que “o ano pasado, despois dos meses máis duros da pandemia, eran 2.600 as persoas que se beneficiaban deste servizo, agora son 2.900 e, como dixen naquel momento, o noso obxectivo é seguir crecendo ata chegar aos 3.300 usuarios e usuarias”.

Durante a crise do coronavirus a Deputación reforzou o servizo e simplificou os trámites para acceder de forma urxente á Teleasistencia, que é gratuíta para os usuarios, cuxo perfil tipo é o dunha muller maior de 80 anos que vive soa, aínda que tamén hai unha pequena porcentaxe correspondente a persoas con algún tipo de diversidade funcional.

“Nunha provincia caracterizada polo envellecemento da poboación, especialmente no ámbito rural, cremos que é fundamental ofrecer un servizo como este”, sostén a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, que lembra que a Deputación segue ofrecendo o servizo ás persoas que o demanden a través dos servizos sociais dos concellos.

Carballo, con 166 persoas usuarias, Narón (156), Ribeira (96), Arzúa (85), Malpica (81), Melide (78), Teo (76) e Oleiros (73) son os municipios que contan con maior número de beneficiarios do servizo de teleasistencia en toda a provincia. Subliñar que máis da metade dos beneficiarios son residentes nas comarcas de Área de Compostela (607), Costa da Morte (582) e Barbanza (393).

Detrás deste servizo están operadoras como Rocío. “Bo día, Josefina chámolle da Teleasistencia da Deputación”. Así comeza unha das 500 chamadas de control que ela e as súas compañeiras realizan cada día desde a central.

Rocío interésase sobre se a persoa descansou ben, tomou a súa medicación e se se atopa en bo estado de saúde, mentres apunta nun programa informático cada detalle que o seu interlocutor lle vai contando a través do intercomunicador que leva consigo as 24 horas do día, co que se crea un expediente individualizado de cada usuario, que permite un seguemento máis completo e eficaz.

Dende lembrarlles a hora da medicación ou unha cita médica ata felicitarlles polo seu aniversario ou interesarse polo seu estado de saúde, os usuarios reciben periodicamente chamadas de control dende a central, onde tamén se reciben as súas chamadas no caso de emerxencias ou accidentes ou, simplemente de que o usuario “queira falar con nós e preguntarnos como estamos”, explica Ana Varela, a responsable da central de teleasistencia provincial.

A través dun pequeno botón que os usuarios levan sempre consigo e que incorpora unha liña de conexión telefónica permanente coa central, as persoas maiores que se benefician deste servizo dispoñen dun seguemento periódico para dar resposta inmediata ás súas necesidades e emerxencias.