Carballo. Vinte e catro imaxes do fotógrafo Diego Silva amosan a actividade diaria dos centros especiais de emprego da asociación // O colectivo ten contratados máis de 2.100 traballadores // A exposición poderá visitarse ata o día 26 TEXTO J. M. Ramos

Cegasal pon o foco na capacidade laboral das persoas con diversidade

Inclusión
José M. Ramos
Unha das vinte e catro fotografías da exposición que pode verse no Pazo da Cultura. Foto: Diego Silva

O Pazo da Cultura de Carballo acolle ata o 26 de febreiro unha mostra fotográfica que visibiliza a realidade laboral das persoas con discapacidade, e que está promovida pola Asociación de Centros Especiais de Emprego sen Ánimo de Lucro (Cegasal) en colaboración coa Deputación da Coruña.

A exposición está formada por 24 imaxes do fotógrafo Diego Silva e máis de 24.000 palabras coas que se busca sacar do silencio a capacidade laboral das persoas con discapacidade. Silva percorreu ao longo de dous anos e medio os centros especiais de emprego da entidade para plasmar coa súa cámara a actividade diaria destes profesionais.

É unha iniciativa máis dentro da filosofía de Cegasal coa finalidade de fomentar o traballo de calidade para as persoas con discapacidade e en situación de risco de exclusión social. “As traballadoras e traballadores que protagonizan esta mostra son o exemplo claro de que é posible promover unha cultura empresarial inclusiva, que entenda a diversidade como un activo xerador de valor social e económico”, afirman ao respecto.

O acto inaugural da mostra estivo presidido polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, ao que acompañaron a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e o presidente de Cegasal, José Antonio Vázquez Freire.

Lamas destacou “a capacidade de Cegasal de incorporar ao mundo laboral a tantas persoas, durante tantos anos e en distintos sectores. A día de hoxe ten a máis de 2.100 persoas contratadas nos seus centros especiais de emprego. É importante dar visibilidade a este traballo”, afirmou a deputada provincial.

Pola súa banda, o presidente de Cesagal, José Antonio Vázquez Freire, agradeceu a iniciativa da Deputación da Coruña para levar esta mostra a distintos concellos da provincia e achegar ao público a realidades das persoas con diversidade.

un cuarto de século. Cesagal é unha organización empresarial sen ánimo de lucro de carácter multisectorial que se constituíu en 1997 como entidade de referencia, defensa, promoción e representación das iniciativas empresariais sen ánimo de lucro de economía social, como son os centros especiais de emprego cuxo obxectivo é fomentar o traballo de calidade das persoas con discapacidade e en situación de risco de exclusión social e a súa inclusión na actividade económica, social e empresarial de Galicia.

Cumpriu xa 25 anos e conseguiu que o 96 % dos traballadores dos 32 centros especiais de emprego que representa sexan persoas con discapacidade. O seu reto para os próximos anos é o de aumentar a taxa de creación de emprego un 20 por cento para xerar 400 postos de traballo máis. Na actualidade, os centros de Cegasal facturan máis de 44 millóns de euros e dan emprego a preto de 2.100 persoas con discapacidade.

JESÚS NÚÑEZ. Ademais da referida mostra, o Pazo da Cultura de Carballo acolle ata o día 16 a selección de obras de gravado calcográfico, litografía, serigrafía ou xilografía escollidas polo xurado do XVI Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez 2021, un certame que convoca anualmente a Deputación da Coruña en homenaxe á obra do artista que lle dá nome.

A participación de creadores de máis dunha vintena de países é indicativa do prestixio e repercusión internacional desta iniciativa nesta arte gráfica. Na citada mostra pódese desfrutar da obra gañadora, a litografía Drama no polígono, que por primeira vez na historia do premio pertence a unha artista galega: a compostelá María Mejide.