Centos de carballeses saíron á rúa para apoiar a Alejandra

A súa veciña segue na UCI en estado grave tras ser agredida pola súa parella // O home pasa este mércores a disposición xudicial
Violencia machista
Manuel Lavandeira
Os participantes despregaron un gran lazo morado, símbolo da loita contra a violencia de xénero. Foto: C. C.

Centos de veciñas e veciños de Carballo saíron na tarde do martes á rúa para condenar a brutal agresión machista da que foi vítima a súa veciña Alejandra, de 43 anos, que permanece ingresada na UCI do Hospital da Coruña dende o pasado luns. Segundo o último parte médico, atópase “estable” pero o pronóstico segue sendo “grave”.

Convocados polo Concello, os carballeses desafiaron á chovia e baixo paraugas secundaron unha concentración baixo o lema Carballo, contra as violencias machistas. Na noite do luns, a Corporación local aprobou tamén, por unanimidade, unha declaración institucional, desexandolle “unha pronta recuperación” e facéndolle chegar a Alejandra “toda a forza do pobo de Carballo”.

Condenaron a “brutal agresión machista” subliñando “esa brutalidade, que hoxe sufrimos todas e todos, cunha nai de familia, unha irmá, unha filla, unha amiga... debaténdose entre a vida e a morte. Iso ten que facernos reflexionar sobre todos os casos de violencia de xénero que se producen cada día á nosa beira e que permanecen agochados nos fogares, nese ámbito do que hai quen non quere que saian porque seguen negando a evidencia dunha violencia que agride, e tamén mata, ás mulleres polo simple feito de selo”.

Pola mañá, tamén saíron á rúa os alumnos do IES Alfredo Brañas, de Carballo, e houbo concentracións en Ponteceso, Malpica, Coristanco e Laracha, e para este mércores o Círculo Feminista de Carballo convocou outra concentración, ás 21.00 horas.

Pola súa banda, o vicepresidente segundo, Diego Calvo, expresou o “profundo rexeitamento” á “agresión machista”, e afirmou que a Xunta permanece en “contacto continuo” co Centro de Información á Muller de Carballo, así como “ a disposición da familia con todo tipo de recursos”.

O presunto agresor e marido da vítima está previsto que compareza ao longo da mañá deste mércores, día 1 de xuño, diante do titular do Xulgado de Instrución número 1 de Carballo, que é o competente en materia de violencia sobre a muller.