Estanse a acometer traballos nun treito de 400 metros na contorna do acceso á praia de Talón, onde o Camiño de Fisterra discorre de xeito paralelo á estrada autonómica // Estarán rematados para a vindeira semana TEXTO Claudina Estévez

Cometido final: unha ruta máis segura para a peregrinación

seguridade viaria
Claudina Estévez
Pola esquerda a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; un técnico da Axencia Galega de Infraestruturas; o alcalde de Fisterra, José Marcote, e José Manuel Traba, portavoz do PP de Fisterra (detrás) este xoves durante a visita que realizaron ás obras. Foto: Xunta de Galicia

Máis de 200.000 euros é o investimento que o Goberno galego fixo para mellorar a seguridade viaria das estradas da Xunta no Camiño de Fisterra. A titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou este xoves no concello fisterrán os traballos que comezaron o pasado luns na estrada AC-445, que une Fisterra e Cee, para garantir unha mobilidade máis segura a peregrinos e veciños. Actuacións que, segundo concretou, estarán rematadas a vindeira semana.

As intervencións, que contan cun investimento de 30.000 euros, estanse a acometer nun treito de 400 metros, na contorna do acceso á praia de Talón, onde o Camiño de Fisterra discorre de xeito paralelo á citada estrada autonómica.

O obxectivo destos labores non é outro que facilitar o tránsito dos peregrinos que camiñan pola beiravía e ofrecerlles condicións máis seguras nos seus desprazamentos. Para iso, retirarase a bionda, antes de executar unha senda pola marxe esquerda da vía. Tamén se colocará unha valla protectora e se reforzará a sinalización deste treito para que os condutores pasen con maior precaución por esa zona.

Vázquez Mourelle recalcou que estas actuacións “contribuirán a que este treito do Camiño de Fisterra gañe protagonismo, ofrecéndolle ao peregrino unha ruta, ademais de máis segura e cómoda, tamén máis acolledora e agradable”.

A responsable de Infraestruturas enmarcou esta intervención nun novo programa da Xunta que recolle 70 actuacións para incrementar a seguridade en cruzamentos ou treitos das rutas xacobeas que discorren en paralelo coas estradas autonómicas, cun orzamento global de 1,4 millóns de euros. Concretou que son setenta a executar con criterios comúns no deseño, que quedarán rematadas na súa totalidade neste mesmo ano. Detallou, asemade, que no caso do Camiño de Fisterra, serán once as actuacións nas marxes de seis estradas autonómicas ao seu paso por oito municipios.

Ethel Vázquez concretou que xa están rematadas algunhas melloras, como a da estrada AC-445, en Corcubión, onde se habilitou un pequeno itinerario para os peregrinos; ou a da estrada AC-440, en Mazaricos, onde se acometeu un treito de senda. Engadiu outras dúas obras en execución, esta de Fisterra e a prevista en Muxía, na estrada AC- 440, que quedarán finalizadas ambas as dúas a próxima semana.

Lembrou asemade que o Executivo autonómico impulsou nos últimos anos diversas actuacións en treitos das vías autonómicas coincidentes coas trazas dos Camiños, cun investimento de 3,5 millóns de euros, e que tamén está a ultimar as intervencións de integración paisaxística dos Camiños á súa entrada na cidade de Compostela, cun orzamento de 12,6 millóns de euros.

Vázquez Mourelle engadiu asimesmo que estas melloras na mobilidade que está a efectuar a Xunta “poderían incrementarse se os criterios de reparto dos fondos Next Generation por parte do Goberno central fosen máis xustos”.

En definitiva, a través de todas estas actuacións, o Goberno galego está a facer unha clara aposta pola mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia prevista para 2022.