Lápiz de carpintero é a canle que Manuel Sangiao puxo en marcha durante o confinamento // O seu taller está en Boqueixón: alí grava os vídeos, edita e elabora os produtos que moi pronto venderá a través dunha páxina web TEXTO Alba Prada

Como é o día a día dun youtuber?

Profesión
Alba Prada
Manuel Sangiao no seu lugar de traballo, en Boqueixón. Foto: M.S.

Youtuber, a profesión de moda por excelencia, ou polo menos, unha das que máis interese suscita, especialmente entre os máis novos. Anos atrás cando lle preguntabas a un neno ou nena que querían ser de maiores era común que dixesen “mestres, médicos, modelos ou actores” pero agora non. Ser youtuber ou influencer é o obxectivo das futuras xeracións. Pero é tan fascinante este mundo como semella? É unha mina de ouro? É un traballo fácil e cómodo como moitos pensan? As respostas dánolas hoxe Manuel Sangiao, un mozo de 45 anos asentado en Boqueixón, que a raíz da pandemia decidiu meterse de cheo no mundo de Youtube.

Lápiz de carpintero, quédense con ese nome, porque a pesar de que só leva dende novembro creando vídeos, esta canle sobre carpintaría, xa ten máis de 800 suscriptores. Unha boa cifra, pero que nesta profesión non é para nada suficiente se queres conseguir anunciantes: “Van subindo exponencialmente, pero habería que pasar dos 10.000 para que as empresas se fixen en ti”, sinala Manuel. A súa canle nacía concretamente en Londres, onde traballou no sector da xestión de Spas e centros de saúde de hoteis de cinco estrelas. “Estudei INEF e adiqueime tamén á educación, polo que neste novo proxecto vin a oportunidade de mesturar as dúas cousas: a formación e a xestión”. Foi en Londres onde coñeceu a súa muller, de orixe chinesa, pero os problemas de saúde da súa nai decidírono a deixar a capital británica e volver a Boqueixón, onde os seus pais mercaron unha casa hai xa quince anos.

“Decidín emprender cunha canle de Youtube porque é un traballo que podía facer dende calquera parte do mundo, e ademais a miña muller imparte clases online de inglés a chinos, polo que tampouco tiña problema”, relata. O primeiro que fixo foi producir catro vídeos estando en Londres, durante a cuarentena, nos que explicaba como funciona un software de deseño de mobles. “Tivo bastante aceptación, así que ao volver a Boqueixón merquei algunhas máquinas e empecei a facer máis vídeos”.

En Galicia arrancaba a realidade do día a día como youtuber. Un traballo que require unha inversión moi forte e para o que se precisan coñecementos de gravación e edición de vídeos. “Non tiña ningunha experiencia no mundo do audiovisual e ademais porse diante dunha cámara sempre resulta ao principio un pouco intimidante”, revela.

“A maioría da xente pensa que é un oficio moi cómodo porque cada peza dura uns 10 ou 20 minutos”, conta, “e como no meu caso publico sobre dous por semana semella que iso é o que traballo: 40 minutos cada sete días. Pero nada máis lonxe da realidade”. Cada proxecto novo implica moitas horas: “Teño que controlar a luz, o foco, e a cámara, de feito, uso dúas para xogar coa realización”, explica Manuel. “Ao final xunto 20 ou 40 clips que logo teño que editar, algo que me implica moito tempo”.

Forá da gravación e edición de cada peza audiovisual, tamén se vai boa parte do día en contestar e-mails, mirar estadísticas e observar as reaccións dos seguidores para ver o que funciona ou o que non.

“O certo é que se inviste moitísimo tempo ‘invisible’ porque pásome o día cavilando futuros proxectos. Non paro nin de noite, porque adico varias horas a observar a outros youtubers para aprender, ou mercando materiais”. En total ao día “traballo sobre oito ou nove horas”.

Tal e como nos explica é un oficio que require tempo e esforzo. Pero é fácil triunfar? Manuel ten claro que “ao moi longo prazo podes vivir disto pero é unha inversión moi grande”. Mentres tanto, xa está argallando un novo negocio moi ligado á profesión de youtuber. “Estou en pleno proceso de elaboración dunha web na que vou vender os produtos que fago”, conta. A previsión é que poida estar lista para mediados deste mes de maio. “Vou ter algunhas cousas feitas como táboas de cociña para cortar vexetais ou carne, lapiseiros ou mesas de escritorio. Pero fóra desto farei pezas por encargo”, conta. “Aínda que vou ter material en stock, a miña idea principal é que os clientes teñan produtos únicos”.

Manuel é unha desas persoas que non teñen medo a emprender. “Ao final o mellor é arrepentirse do que fas e non do que queda no tinteiro. Non quero nun futuro pensar que ao mellor houbese funcionado”, reflexiona. “Todo o peso recae sobre min, pero teño o apoio da miña nai e da muller. É algo que valoro moito”. Con esta visión optimista, seguirá creando vídeos de carpintaría no galpón da casa, xunto as galiñas. Porque é unha profesión moderna, pero a naturalidade non pode faltar.