Uns apartamentos turísticos, unha liña de snacks saudables e unha exposición sobre a carpintería de ribeira, entre os mellores proxectos dende 2016 TEXTO S. S.

Compiten entre si as accións con maior valor do Galp de Arousa

GALP
Suso Souto
A POBRA. Fachada dos apartamentos turísticos Pincheiro, ubicados no centro da vila da Pobra. Foto: Pincheiro

Tres proxectos executados no Barbanza foron elixidos entre as dez iniciativas de maior valor do programa de axudas do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, no período comprendido entre 2016 e 2020 e no ámbito do Galp Ría de Arousa. Os outros Galp elixiron tamén os seus dez, e agora todos os seleccionados compiten nas redes sociais por ser os mellores de entre os mellores. Trátase do concurso Bitácoras.

O premio é unha experiencia mariñeira para dúas persoas composto pola degustación dun menú nun dos establecementos da zona e as entradas para un dos espazos expositivos vinculados co mundo do mar.

Un deses dez proxectos do Galp Ría de Arousa é o de reforma da zona expositiva e posta en valor do patrimonio marítimo con fondos patrimoniais levado a cabo por Estaleiros Triñanes, de Boiro, que rexenta Gerardo Triñanes. O investimento foi de 74.988 €, dos que recibiu unha axuda pública de 37.494 €.

Este proxecto consiste en incrementar a promoción dos barcos de madeira mediante a dotación dunha zona de exposición visitable coa que conta o estaleiro. Realizáronse planos en base a entrevistas a mestres carpinteiros de ribeira ca idea de reproducir as formas orixinais de embarcacións tradicionais galegas, como a lancha xeiteira, a dorna de tope, a gamela, o galeón e a traíña.

O obxectivo é que o saber facer e as formas orixinais non se perdan cando falten os poucos carpinteiros de ribeira que atesouran este saber facer. Ademais, construíronse dúas réplicas a escala de embarcacións tradicionais (unha xeiteira e unha traíña de tipoloxía única de Cabo de Cruz). Nos paneis amósase por un lado a historia de cada unha das embarcacións e, por outro, as técnicas constructivas de cada unha.

Outro dos proxectos é o que promoveu Francisco José Teira González, da empresa Relento S.L. (propietaria do restaurante Benboa de Corrubedo, en Ribeira) sobre snacks saudables e de calidade diferenciada, alimentos adaptados ás novas necesidades e novas texturas.

Un plan que incluíu a creación de novas estratexias de comercialización e o deseño e posta en marcha de novas liñas de produtos transformados do mar cos peixes procedentes da frota artesanal local: unha liña de snacks saudables, conserva afumada e ecolóxica e embutidos afumados, e outra de produtos alimenticios adaptados á poboación sénior e infantil. A iniciativa incide na comercialización dos produtos en locais de restauración de marca propia fóra da Comunidade e ademais cun canle de vendas e retail.

O custe do mencionado proxecto foi de 198.158 €, dos que recibiu unha axuda pública de 81.883 €.

Un terceiro proxecto é o de Pincheiro Apartamentos Turísticos, da Pobra, promovido por José Barroso Castro. Trátase dun conxunto de apartamentos turísticos, con servizos propios dun hotel e con espazos colectivos, como ximnasio, lavandería, recepción, sala de usos múltiples, taberna mariñeira e terraza con vistas á ría. O cliente participa da transformación dos productos da ría e promóvense rutas de mar e montaña. O investimento foi de 658.438 €, e a axuda de 200.000 €.