MAR. Os cambios rexistráronse nos pósitos de Corme, Laxe e no de Cabo de Cruz, onde Jesús Pérez, tras un empate, accediu ao cargo por ser o socio máis antigo // Desde Caión ata Rianxo non hai ningunha patroa maior TEXTO M. Lavandeira - Suso Souto

Continuidade nas confrarías e tan só tres novos patróns maiores nos portos de Área

Mar
Manuel Lavandeira
Embarcacións amarradas no porto pesqueiro de Laxe, onde houbo relevo na confraría trala xubilación do anterior patrón maior. Foto: J. M. Ramos

Un total de corenta e oito patroas e patróns maiores das confrarías galegas renovaron o seu cargo tralas terceiras elección unificadas destas entidades. Nos outros catorce pósitos houbo relevo á fronte das directivas que asumiron a súa xestión para esta nova lexislatura.

Polo que respecta ao litoral de Área de Compostela, comprendido entre Caión (A Laracha) e Rianxo, só se produxeron tres cambios e non hai ningunha muller co cargo de patroa. En Corme (Ponteceso), Juan Luis Novo Torrado tomou o relevo como patrón maior en substitución de Roberto Vidal, que pasa agora a ser o presidente da Agrupación de Percebeiros, namentres que en Laxe asumiu o cargo Luis Suena Amigo, despois da xubilación do seu antecesor, Manuel Villar. Suena é a primeira vez que pasa a formar parte do cabildo “polo que aínda estou poñéndome ao día”, afirmou.

En vindeiras datas haberá reunión da nova directiva do pósito laxense “e aí veremos cal é a situación da confraría”. O obxectivo, engadiu, “é manter o que vai ben e tratar de mellorar, na medida do posible, aquilo que sexa preciso”, afirmou.

Pola súa banda, na confraría boirense de Cabo de Cruz, un empate entre os candidatos desembocou na elección en xunta xeral do socio máis antigo como novo patrón maior. Trátase de Jesús Pérez Dieste, quen inicia o seu mandato cun conflito encima da mesa que veu motivado por un recente enfrontamento entre mariscadores (os de a pé acusaron ós de a flote de invadir as súas zonas de traballo).

Pérez sinala que “o balizamento fíxoo a Xunta en 2006 en base ó acordo das dúas agrupacións de mariscadores” e que “polo tanto, é legal e hai que cinguirse a el”. Con todo, é sabedor de que “o diálogo é a base de calquer acordo, e por el aposto”.

A confraría de Cabo de Cruz é unha das máis problemáticas da ría de Arousa, pero o novo dirixente do pósito di que “os conflitos sempre son os mesmos”. Respecto ó furtivismo, a gran lacra do sector marisqueiro, considera que “aínda que a situación mellorou nos últimos anos, é preciso dispoñer de máis vixiantes no verán (agora temos oito)”.

Asimesmo, cre necesario “que a lonxa sexa máis áxil, para que o marisco non esté tanto tempo nela”. Neste sentido tentará conseguir máquinas clasificadoras.

No resto de confrarías repiten os patróns maiores que xa estaban no cargo: Urbano Suárez Canosa, en Corcubión; Manuel Martínez Escarís, en Fisterra; Mariano Louro Lago, en Lira; Daniel Formoso Moledo, en Muros; Miguel Antonio Franco Parada, en Palmeira; José Héctor Morgade Carracedo, en Caión; José Antonio Pérez Sieira, en Ribeira; Pedro Pérez Martelo, en Malpica; Isaac Gaciño Santos, en Portosín; Marcos Pasantes Alborés, en Camariñas; José Juan Bermúdez Tajes, en Camelle; Enrique Maceiras Fernández, na Pobra do Caramiñal; Miguel Ángel Iglesias Romero, en Rianxo; Daniel Castro Fernández, en Muxía; Fernando Manuel Siaba Espasandín, en O Pindo; Santiago Cruz Martínez, en Noia; e Emilio Queiruga Santamaría, en Porto do Son.

A duración do mandato, tanto da patroa ou patrón maior como do resto de órganos da confraría, será de catro anos, podendo ser reelexidos por períodos de igual duración.