Diáspora. Catrocentos veciños da zona están asentados ao pé dos Alpes // Manteñen os vínculos coa terra a través da música e a gastronomía no centro de Bendern TEXTO J. Ramos

Costa da Morte conta co seu pequeno ‘principado’ en Liechtenstein

Emigración
José M. Ramos
Manuel Figueroa, presidente do centro español. Foto: CEAS

Nos escasos 160 kilómetros cadrados de superficie de Liechtenstein aséntase un pequeno principado da Costa da Morte, pois nesteo exiguo Estado residen uns 400 galegos, dos cales o 95 % son emigrantes desta franxa atlántica. Algúns deles levan alá máis de catro décadas. É o caso do muxián Manuel Figueroa, que preside dende hai 24 anos o Centro Español Apóstol Santiago (CEAS), que conta con 150 socios.

Un centro que é a referencia e, á vez, o punto de encontro dos galegos e tamén doutros emigrantes asentados en Liechtenstein. É ademais o espazo que axuda a manter vivo o sentir pola terra de orixe a través de encontros gastronómicos, culturais e festivos, nos que a lingua galega é a máis falada. “Somos dos poucos centros que celebran unha gran festa anual como a que temos nós aquí”, engade Figueroa.

Unha comunidade de emigrantes que, a pesares de seguir sendo numerosa, viviu o seu momento de esplendor nas décadas comprendidas entre os anos 60 e 80. “Respecto a vinte anos atrás, agora seremos a metade”, pois moitos dos emigrados voltaron a Galicia e a outros puntos de orixe, “aínda que tamén hai algún caso de xente que veu de volta”.

Ao igual que no resto dos países, a situación económica e laboral foi mudando co paso dos anos, “pero aínda así, aquí é máis doado de atopar un traballo e do soldo que gañas sempre che queda algo”, subliña o presidente do centro galego.

Neste tempo tamén mudaron as cousas para o propio CEAS que, pouco antes da chegada da pandemia, viuse obrigado a cambiar de sede e a buscar un novo emprezamento, ubicado agora en Bendern. Tiveron que deixar o local de Schaan, que lles tiña cedido de xeito totalmente gratuíto, gastos incluídos, a Administración local, e “agora o novo é de aluguer, e iso supón un gasto moi importante e un esforzo maior para os socios”. A pesares das dificultades propias do comezo dunha nova etapa, “o centro está indo de menos a máis”, afirma Manuel Figueroa.

Da xestión encargase outro galego, Ramón Dosil, a través dunha concesión, que volverá a saír a concurso no vindeiro ano 2023.

Todos os domingos ofrece menús especiais, a maioría das veces con sabor galego e, no que vai de ano, o centro acolleu tamén varias celebracións, como a do Día da Nai, por vez primeira, e tamén unha Festa do Polbo, cen por cen galega, pois ata o Principado desprazáronse dous polbeiros do Carballiño. O pasado mes de setembro celebraron tamén a súa particular romaría na honra da Virxe da Barca, e organizaron un par de churrascadas.

Unha proba de que, malia a residir a máis de dous mil quilómetros de distancia, os vínculos coa terra nai mantéñense moi vivos. Ademais, este ano puideron celebrar a esperada corenta e unha edición da gran festa anual que, por mor da pandemia, non chegaba dende o ano 2019. E fixérono acadando un novo récord de asistencia, “con máis de 500 persoas”, segundo Figueroa.

Aos emigrantes residentes en Liechtenstein sumáronse outros galegos chegados dende Basel, Delemont e doutros puntos fronteirizos con Austria e Alemania. Contaron ademais co apoio do secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e do cónsul de España en Zurich e Liechtenstein, Juan Carlos Gafo. Todos eles desfrutaron dun xantar galego, amenizado na sobremesa coas actuacións musicais de Pili Pampín e a discoteca móbil CDC que, un ano máis, mobilizou os seus equipos dende Cee ata os pés dos Alpes.

No cartel tamén figuraba o grupo Garibaldi pero, finalmente, “negáronse a actuar alegando que non lles servía o equipo de son, algo que nunca nos pasou nos anos que esta directiva leva promovendo a festa”, indicou o presidente de CEAS, quen quere deixar claro que “non foi por culpa da organización, xa que nos puxemos á disposición deles desde o primeiro día no que contactamos”.

Un contratempo que, para nada manchou a festa, “pois a xente estivo divertíndose a bailando ata as catro da mañá, e a maioría felicitounos polo bo desenvolvemento da mesma”, engadiu Manuel Figueroa.

Agora, despois duns días de repouso, Figueroa e o seu equipo directivo xa pensan na cita do vindeiro ano, pois teñen claro que queren seguir vivindo como galegos.