Crearán 300 prazas de aparcamento en Balarés

Servizos
Manuel Lavandeira
Lois García, alcalde de Ponteceso, á esquerda, e Valentín González, presidente da Deputación. Foto: D. C.

Ponteceso. A Deputación da Coruña aprobou un investimento de 400.000 € para a construción dun aparcamento ao carón da área de lecer da praia de Balarés con capacidade para 300 vehículos, o cal se ubicará nunha parcela de 34.000 m2. O obxectivo é ordenar o estacionamento de vehículos, liberar o tráfico e garantir a seguridade dos numerosos visitantes que rexistra a zona, especialmente na época estival.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, reuniuse co alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, para ratificar este importante investimento, que vén a completar o traballo de mellora continua que se está a levar a cabo desde o ano 2016 na área recreativa de Balarés. Un espazo que queren transformar “nun ben para toda a provincia, que serve para desfrutar dunha praia de bandeira azul, para organizar unha comida ao aire libre, pero que tamén é un espazo cultural cargado de historia e de simbolismo”.

A Deputación xa adicou un orzamento de 82.000 euros á compra da parcela. “Sumando estes dous proxectos de compra da parcela e construción do aparcamento coa fosa séptica que se fixo este ano, a limpeza e o repintado das prazas para persoas con mobilidade reducida, alcánzase un investimento en Balarés que supera os 530.000 euros”, explicou o presidente provincial. Ademais, a día de hoxe a Deputación está levando a cabo traballos de mantemento do piñeiral de Balarés. Unha actuación que permitiu retirar 46 eucaliptos e tamén acondicionar e sanear os pinos para mellorar a súa saúde e garantir a seguridade dos usuarios e usuarias deste espazo.

O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido expresou “unha mensaxe de agradecemento, en nome dos veciños e veciñas do Concello, a Valentín González pola súa aposta decidida por Balarés e pola nosa comarca”. Estamos satisfeitos, engadiu, “con que a Deputación aposte polo seu patrimonio, por mantelo, por desenvolvelo e dotalo de infraestruturas”, engadiu.

Aparcadoiro con capacidade para 300 vehículos

A obra de construción do aparcadoiro consistirá nunha intervención branda, perfectamente integrada no entorno ambiental da zona, nun espazo parcelario sen afeccións ambientais para o proxecto que se pretende levar a cabo, creando 300 prazas e eliminando o tráfico rodado na vía de entrada á praia.

Unha intervención que se completará no futuro coa construción dunha senda peonil entre o mesmo e a área de lecer de Balarés, que discorrerá pola marxe do vial municipal que dá entrada ás vivendas existentes na zona, garantindo así a seguridade e comodidade tanto dos veciños coma das numerosas persoas que visitan a praia e a área de lecer, especialmente durante o verán, e que estaban ocasionando problemas de tráfico, de aparcamento e de seguridade.