De Rianxo ata Italia e Irlanda para practicar na atención á dependencia

Alumnos do IES Félix Muriel traballarán con colectivos de persoas con discapacidades
Persoas con discapacidade
Suso Souto
A POBRA. O alcalde da Pobra, Lois Piñeiro, terceiro pola esquerda, cos alumnos e profesores do instituto de idiomas Ekzarh Yossif I de Lovech de Bulgaria e do instituto local. Foto: C.

O IES Félix Muriel de Rianxo continúa na súa liña de internacionalización das ensinanzas de Formación Profesional. Cinco estudantes do ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia parten esta semana para realizar o módulo de formación en centros de traballo no estranxeiro, no marco do programa Erasmus+.

Catro completarán a súa formación realizando case tres meses de prácticas en distintas asociacións de atención a persoas con diversidade funcional na cidade de Catania, en Sicilia (Italia) e unha vaino facer en Tralee, no condado de Kerry (Irlanda).

O grupo foi recibido antes da súa viaxe polo alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

Antía, Fátima, Bianca, Noelia e Brais comezan unha aventura que os levará a descubrir que a atención a persoas en situación de dependencia non ten fronteiras.

Traballarán con distintos colectivos: persoas con afectación intelectual, con trastorno do espectro autista e outras formas de diversidade funcional. Porán en práctica o modelo de atención centrada na persoa e descubrirán como o deporte e a actividade física poden ser ferramentas para a integración das persoas con diversidade funcional, física e intelectual.

Dúas profesoras, de Física e Tecnoloxía, viaxarán tamén a próxima semana a Estonia para formarse en metodoloxía STEM, dentro doutro proxecto Erasmus+ do centro.

Pola súa banda, vinte estudantes e tres profesoras do instituto de idiomas Ekzarh Yossif I de Lovech de Bulgaria participan nun intercambio co IES da Pobra, ao abeiro do Erasmus+, que posibilitará tamén que alumnos pobrenses viaxen a Bulgaria.

Visitaron varios lugares de interese do Barbanza, participaron un obradoiro de marisqueo na Pobra, visitaron o Museo Valle-Inclán e asistiron á presentación de Road to Santiago, building Europe through the centuries, sobre a importancia das rutas xacobeas, e á proxección de pezas audiovisuais elaboradas polo alumnado pobrense nas que interpretan e poñen imaxes a textos de diversos escritores.