Diversión a bordo no Descenso do Anllóns de embarcacións artesanais

San Xoán 2022
Manuel Lavandeira
Os tripulantes de ‘Nosonotonic’ tamén conquistaron ao xurado pola súa simpatía. Foto: C. Carballo

O San Xoán de Carballo, despois dun concerto multitudinario das Tanxugueiras, viviu este sábado unha das citas máis esperadas: o Descenso do Anllóns, unha divertida proba que chegou á vinte e tres edición. Nove tripulacións emprenderon unha colorida travesía dende o Bosque do Añón ata o Parque do Anllóns para facerse con algún dos premios, que este ano sumaban 2.375 euros, incluíndo as gratificacións.

O primeiro premio á embarcación máis orixinal foi para A Revolta, e os outros dous leváronos Papanoelada e Volley Boat. Pola súa banda, Os Desméritos e Nosonotonic fíxeronse cos premios ás tripulacións máis simpáticoas. Nas probas de habilidade impúxose La jaula de los locos e a embarcación máis veloz foi La serpiente y el jeque.

O xurado tamén outorgou dous áccesits á orixinalidade de The Bottle Boys e A Sofaneta, e outro pola súa simpatía á tripulación de Nube Kinton.

As festas patronais da capital de Bergantiños chegarán hoxe ao seu fin. Ao mediodía a Banda Municipal de Gatias e os Gaiteiros Seis Reás animarán as rúas da vila antes da misa solemne na honra da Virxe do Carme (12.30 horas), cantada pola Coral de Bergantiños.

Pola tarde terá lugar a VII Gala de Bailes de Salón e Ritmos Latinos e pola noite chegarán o concerto de Ortiga e a orquestra Finisterre. Haberá fogos de artificio.