Eclosión cultural nos centros sociais de Boiro con cincuenta actividades

No auditorio da Cachada haberá representacións todos os venres, ademais da Mostra de Teatro Escolar // Ofrécense clases de pintura, música, costura e baile
Espectáculos
Suso Souto
PRESENTACIÓN. Pola esquerda, Jaime Bello; Pitusa Lomba; Leopoldo Portela; a concelleira de Cultura, María Outeiral; Alberto García; Elena Dosil e Patricia Giao, na presentación da programación do Outono Cultural de Boiro. Foto: C.de B.

A concellería de Cultura de Boiro organizou unha ampla e variada programación de actividades para todos os públicos que se van levar a cabo durante os vindeiros meses no marco do Outono Cultural. A responsable de dito departamento, María Outeiral, e o persoal técnico do mesmo presentaron as propostas, entre as que se inclúen contacontos, espectáculos teatrais e concertos.

As representacións teatrais serán todos os venres no auditorio da casa da cultura e haberá funcións para público infantil e familiar e tamén para público adulto. Ademais, en novembro vaise levar a cabo a Mostra de Teatro Escolar na casa da cultura, coa participación de todos os centros de ensino do municipio.

A oferta cultural engloba tamén máis de 50 actividades que se van desenvolver na rede de centros sociais de Boiro, entre as que hai clases de pintura, de costura, de música, de baile, etc. Destacan tamén as actividades das escolas municipais, como son as clases da Escola de Música, as aulas de formación en novas tecnoloxías que se imparten na aula Cemit, os obradoiros de memoria ou as clases de apoio escolar. “Durante a pandemia aumentamos un 40 % a oferta cultural do municipio, enfocada e orientada a todos os públicos e con capacidades reducidas para garantir que se cumpren as medidas e restricións para o control da situación sanitaria. Unha oferta cultural que o departamento quixo manter e potenciar neste programa do Outono Cultural”, afirmou a concelleira, María Outeiral.

A vindeira cita será venres 15 ás 20.00 horas na casa da cultura co espectáculo O afiador, a cargo do Mago Teto.

Seguirá a programación no mesmo escenario o venres 22 ás 21.00 horas ca obra Bernarda, da compañía Malasombra Producións; o día 29 ás 20.00 horas, Contos de recreo, de Redrum Teatro; o día 5 de novembro, ás 21.00 horas, Rara avis, de Lila Teatro; o venres 12, ás 20.00 horas, A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro; o 19, ás 20.00, O home que pintaba árbores, de Eme2 Emoción&Arte; o día 26, ás 20.00, Güela-güela, de Galitoon; e o venres 3 ás 21.00, A lingua das bolboretas, de Sarabela teatro.

No tocante á Mostra de Teatro Escolar, poranse en escea Ningures, de Teatro ao Cubo (o 16), Tita. Un espectáculo sobre a intelixencia emocional, de Teatro Babaluva (o 17) e Dun can de palleiro, de Lila Teatro (o día 18), nos tres casos a mediodía. E o martes 23, ás oito da tarde, O eco das pedras, de Raquel Queizás.