'Edénicas', de Andrea Fernández, gaña o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Manuel Lavandeira
Eduardo Parga, á esquerda, Andrea Fernández Maneiro e Paco de Tano, presidente da A. C. Caldeirón. Foto: C. de Malpica

A escritora Andrea Fernández Maneiro, de Vilagarcía, é a gañadora do XVI Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, coa obra ‘Edénicas’, da que o xurado destacou “o seu sutil erotismo e a súa luz poética”. O fallo foi dado a coñecer na Cea das Letras 2021, organizada, como vén sendo costume, pola entidade convocante do concurso, a Asociación Caldeirón, co apoio do Concello de Malpica.

Celebrouse na Casa da Cultura de Seaia, e o acto serviu tamén para presentar o libro ‘Na república da intimidade’, de Ricardo Xeixo, que foi a obra gañadora do anterior certame. Entre os convidados estaba o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, que reafirmou o apoio do Concello á cultura. Da animación musical encargáronse as Cantareiras da A.C. Raigañas e Farrapos.

A olería de Buño estivo tamén moi presente, tanto nos agasallos como na vaixela na que os asistentes poideron degustar unhas exquisitas filloas.