En marcha as actuacións demandadas polo sector do mar de Corme

Reovarán o pavimento dos pantaláns con madeira tecnolóxica e elementos auxiliares
Infraestruturas
Manuel Lavandeira
Lois García coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a presidenta de Portos, Susana Lenguas. Foto: Xunta

Ponteceso. A Consellería do Mar investirá preto de 100.000 euros na mellora dos pantaláns e elementos auxiliares do porto de Corme (Ponteceso). Así llo comunicou a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, ao alcalde pontecesán, Lois García, nunha reunión mantida esta semana na que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas.

A titular de Mar trasladou ao rexedor que a Xunta ten xa en execución as obras de ampliación, reforma e mellora de instalacións aboiantes en oito peiraos da provincia da Coruña, entre os que se atopa o de Corme, onde se prevé que os traballos se inicien no primeiro trimestre de 2022.

As obras desta dársena foron demandadas hai meses pola confraría de pescadores local e consensuadas pola Consellería do Mar con esta entidade representativa do sector pesqueiro.

Os traballos consistirán na renovación integral do pavimento dos pantaláns con madeira tecnolóxica así como dos fingers e a pasarela de acceso. Ademais revisaranse as pezas de asento do pavimento, que son de madeira e serán substituídas por outras de aluminio. Tamén se instalará un canlón de PVC para servizos nos pantaláns renovados. As obras inclúen asemade o saneamento de pilotes, reforzo das unións dos fingers, reposición de elementos auxiliares deteriorados e instalación dun sistema de apertura de portas co móbil así como de escaleiras abatibles, entre outras actuacións menores. M. Lavandeira