Inaugurada no mercado a mostra ca que as artesás do mar atopan saída alternativa ou complementaria ó seu oficio tradicional na decoración, os complementos ou a moda // Miguel Vidal repasa con fotos os traballos dos cursos formativos TEXTO S. S.

‘Enredadas’ amosa en Ribeira a diversificación das redeiras

Redeiras
Suso Souto
IMAXES. A mostra está formada por fotos de Miguel Vidal sobre os traballos que fixeron as redeiras nos cursos impartidos en Buño, nos que aplicaron técnicas cas que elaboran ou reparan redes. Foto: C.R.

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitaron este luns en Ribeira a exposición itinerante de fotografías Enredadas, coa que a Xunta amosa a diversificación do oficio tradicional das redeiras artesás galegas.

A mostra, organizada en colaboración co Concello no marco da programación municipal de actividades para celebrar o día 8 de marzo, pódese visitar ata o vindeiro día 17 no primeiro andar do mercado municipal, de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas.

Heredia e Rodríguez estiveron acompañadas polo alcalde ribeirense, Manuel Ruiz, e polas concelleiras María Sampedro e Ana Barreiro.

A proposta forma parte do proxecto Enredadas, unha iniciativa de boas prácticas impulsada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e pola Consellería do Mar desde 2012 e enfocado a diversificar o traballo das redeiras artesás galegas, para lles facilitar a apertura de novas oportunidades de negocio a través doutros ámbitos como a moda, os complementos e a decoración.

A través de diversos cursos de formación especializada e continuada, redeiras artesás de diferentes localidades galegas contan coa posibilidade de acadar unha renovación desta actividade tradicional.

Nas fotografías que conforman a exposición, e que están realizadas por Miguel Vidal, pódense ver os resultados dos cursos de formación realizados en Buño a finais do ano 2020 e nos que as redeiras aplicaron as técnicas do oficio tradicional de elaboración e reparación de redes aos ámbitos da moda, dos complementos e da decoración de interiores, impartidos polas deseñadoras Rosalía Castro e Raquel Sousa.

ECONOMÍA CIRCULAR. Enredadas contribúe a potenciar o valor social do oficio das redeiras, aposta pola sustentabilidade e pola economía circular e apoia a comercialización dos novos produtos e a promoción do propio proxecto.

Grazas a esta iniciativa, a Fundación Pública Artesanía de Galicia foi galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.

VISITA A D-DUE. Antes da súa visita a Ribeira, Manuel Heredia e Susana Rodríguez achegáronse tamén ata as instalacións da firma téxtil D-Due na parroquia rianxeira de Asados.

Trátase dunha empresa de referencia en Galicia que habitualmente colabora na posta en valor e na comercialización dos produtos da marca Artesanía de Galicia, que, á súa vez, ten colaborado en diferentes ocasións con dita empresa téxtil de Rianxo en eventos de comercialización conxunta, como a tenda Pop Up Artesanía de Galicia & D-Due (que tivo lugar durante os meses de xullo e agosto de 2021 na localidade de Sanxenxo) ou o contacto da marca Artesanía de Galicia con Xapón e coa cadea de tendas HP France, que conta con case cen establecementos no país nipón.

D-Due fundouse en 1960, e está dirixida por Charo Froján e Alfredo Olmedo desde a década dos anos noventa. Ao longo de máis de vinte anos de traballo, amosou as súas creacións en todo o mundo: as semanas da moda de París e Milán, Madrid, Barcelona, Berlín ou Tokio son citas recorrentes cada tempada.

delegribeira@elcorreogallego.es