Escritoras galegas prefiren a capital maiá para as súas presentacións literarias

Dezaseis mulleres elixiron o Pazo da Peregrina // Vanse retomar en setembro // Tamén estiveron Negro e De Toro
Literatura galega
Marcos Manteiga
Anna Figueiredo, esquerda, Marilar Aleixandre, María López Sández e a edil Natividade González. Foto: CDA

Ames estase a revelar como un paraíso para a literatura feita por mulleres, e dende o mes de marzo, o Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu dez presentacións e un recital poético, chegando a todos os públicos, dende o adulto ao xuvenil e ata infantil. Pero hai un dato que cómpre salientar, e non é outro que as dezaseis mulleres, dez delas nunha obra colectiva, que elixiron a capital maiá para divulgar os seus últimos libros. Ademais, haberá continuidade, xa que está previsto retomar as presentacións no mes de setembro.

Segundo o Concello, as editoras teñen en consideración as biblioteca municipais “para programar presentacións e o espazo do Pazo da Peregrina como lugar e centro da cultura para a promoción das obras literarias en Ames e na comarca”.

E para dar fe desta nova, lembran que o 17 de marzo presentouse o libro Libres e vivas, da editorial Galaxia, unha obra colectiva de dez autoras diferentes das nosas letras que tratan a literatura, narrativa, poesía e teatro. Xa o 15 de abril, o Pazo da Peregrina acolleu a divulgación de Movendo os marcos do patriarcado: o pensamento feminista de Pardo Bazán, das escritoras Marilar Aleixandre e María López Sández, ao tempo que en maio foi Montse Pena Presas, acompañada por Victor Freixanes e Dolores Vilavedra, quen inaugurou a tempada: o día dezanove presentou a obra Intempestiva, unha biografía literaria de Xela Arias, da Editorial Galaxia.

O xoves 20, Charo Pita e Laura R. Cuba, xunto con Carlos Negro e Daniel Salgado, mostraron a obra de poesía erótica O cuarto de Jane e Rascamasseiras, da editorial Caldeirón.

Pero tamén houbo espazo para o xénero masculino, e o 23 de marzo realizouse unha sesión de recitais de poesía e faladoiro sobre a poesía actual en Galicia, coa participación de Diego Horschovsk, Anna R. Figueiredo e Carlos Da Aira. Abril, pola súa banda, estreouse coa obra xuvenil de Carlos Negro, Non cantan paxaros neste bosque (volveu este mes con Otero e Estrita necesidade), e Tomás Guerrero, escritor de bandas deseñadas, ilustrador e animador en 3D que conta historias a través de imaxes, recalou en Bertamiráns o 22 de abril para presentar as súas obras: A deserción de Stalin, Tanta paz leves e O neto do homem mais sábio. Por último, pasou Suso de Toro con Un señor elegante.