Esixen á Xunta que execute en 2023 a prolongación da autovía de Costa da Morte

O secretario xeral do PSOE, Valentín González, pediu en Vimianzo que as promesas se convirtan en realidades // Di que esta zona é das que demanda máis atención pública
Infraestruturas viarias
José M. Ramos
Valentín González, no centro, con alcaldesas, alcaldes, concelleiros e outros representantes do PSdeG provincial en Vimianzo. Foto: J. M. R.

Vimianzo. O PSdeG-PSOE demandará que a Xunta de Galicia inclúa nos orzamentos de 2023 a partida necesaria para executar a prolongación da autovía de Costa da Morte, alongando o actual tramo de vía rápida dende Santa Irene ata Calo (Vimianzo). Así o anunciou o seu secretario xeral, Valentín García, na capital de Soneira, onde mantivo unha xuntanza coas alcaldesas e alcaldes socialistas da comarca.

“Son moitos anos de gobernos do PP nos que se lle deu as costas a esta zona de Galicia, que ten uns índices de renta per cápita dos máis baixos da provincia”, afirmou. A maiores, segundo engadiu, “conta cunhas insfraestruturas deficientes e, para gañar futuro e dispor de alternativas, son moi necesarias”.

Respecto da autovía, González Formoso lembrou que “houbo promesas permanentes”. A última, engadiu, “o proxecto de prolongación da vía rápida ata Calo pero, a día de hoxe, só hai promesas e papeis, polo que reclamaremos con toda a forza da Costa da Morte que a Xunta de Galicia cumpra con esta sociedade”.

Dende o PSdeG-PSOE entenden que, tal e como estaba previsto no proxecto inicial, “a continuación, como autovía, ata Berdoais debe ser o mínimo”, subliñou o seu secretario xeral. “Hai que apostar pola Costa da Morte, e tamén por Ortegal, as dúas zonas da provincia onde os indicadores demandan máis atención pública, e estamos convencidos de que merecerá a pena”, sinalou.

CONEXIÓN CO POLÍGONO. Pola súa banda, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, lembrou que antes das últimas eleccións autonómicas “dixeron que esta prolongación ía facerse realidade pero, ata agora, non tivemos máis noticias, e os nosos polígonos precisan deses corredores ou autovías”.

A este respecto, subliñou que dende o Concello vimiancés reiterarán tamén a súa petición para que o parque empresarial local teña conexión coa futura vía rápida, “pois no proxecto inicial non estaba contemplada e é algo moi necesario”.

Ao encontro, celebrado na casa da cultura de Vimianzo, asistiron tamén as alcaldesas de Cee e Camariñas e o seu homólogo de Muxía, así como concelleiros socialistas dos distintos concellos de Costa da Morte e outros representantes do partido a nivel provincial. J. M. RAMOS