INFORME. Dende 1997 non se rexistraba un valor tan alto: 3,20 euros, un 16 % máis respecto a 2020 // Na lonxa de Ribeira as cotizacións subiron un 22 % // Especies como a pescada ou o ourizo revalorizáronse polo aumento da demanda TEXTO S. Souto

Euforia nas lonxas polos mellores prezos medios en cinco lustros

Lonxa
Suso Souto
VENDAS. Subasta de ameixa na lonxa de Ribeira ao inicio da campaña, o pasado mes de novembro. Foto: L.R.

O Consello da Xunta analizou un informe sobre a primeira venda de produtos do mar frescos realizada o ano pasado nas lonxas e centros autorizados de Galicia que mostra que o prezo medio das descargas acadou os 3,20 euros o quilo, a mellor cotización media de toda a serie histórica que se remonta a 1997. Esta cifra supón un incremento do 16 % (0,45 euros o quilo) sobre o valor medio do ano 2020, un fito que se produce nun contexto caracterizado polas dificultades derivadas da alerta sanitaria pola covid.

Esta mellora do prezo medio reflíctese na facturación global das lonxas galegas en 2021, que foi de máis de 424 millóns de euros, case un 3 % máis que en 2020, malia un descenso de preto do 12 % no volume de descargas de especies, que o pasado exercicio foi de preto de 133.000 toneladas. Isto reflicte unha evolución significativa na comercialización dos produtos do mar.

O informe destaca o bo comportamento da facturación do grupo dos bivalvos, cefalópodos, crustáceos e equinodermos. Esta achega reflíctese principalmente no caso dos bivalvos, que aportaron uns ingresos por primeira venda de case 74 millóns de euros. Esta cifra representa máis do 17 % da facturación total das lonxas e centros de primeira venda de Galicia e é un 11 % superior á rexistrada en 2020. Neste ámbito, a especie máis significativa é a ameixa xaponesa, cun prezo medio de 13,42 euros o quilo no pasado exercicio.

Non obstante, o grupo dos peixes supón máis do 68 % da facturación, con preto de 290 millóns de euros, e nel destaca a pescada, a especie máis importante da primeira venda de pesca fresca en Galicia, tanto en produción como en facturación.

En canto ás zonas xeográficas, as lonxas coruñesas foron as que máis especies descargaron e representan máis do 38 % da facturación, seguidas das da provincia de Pontevedra, que supoñen preto do 36 % dos ingresos, e das de Lugo, que supoñen case un 26 % do valor económico.

Destaca especialmente a zona de Arousa, onde a facturación de bivalvos supón máis do 45 % das vendas.

O informe da Consellería do Mar tamén destaca que as lonxas da Coruña, Vigo, Ribeira, Burela e Celeiro se manteñen como as máis importantes de Galicia ao representar máis do 80 % do volume de descargas e máis do 70 % dos ingresos. En canto a ingresos, destacan tamén outras como Noia, O Grove, Carril, Cambados e Campelo, ca actividade centrada principalmente na frota de artes menores e o marisqueo a pé.

ATA 211,50 € POLO PERCEBE. Na lonxa do porto de Ribeira rexistrouse o ano pasado un incremeto dos prezos do 22 por cento. A ameixa babosa rexistrou nas lonxas de Área de Compostela un prezo medio de 23,58 euros, fronte ós 20,69 do ano anterior, mentres que o do linguado pasou de 16,70 a 18,37; o do polbo, de 7,86 a 9,03 e o da xarda, de 1,20 a 1,49.

Xa no tocante ós prezos máximos, e nas rulas do mesmo ámbito territorial, a ameixa babosa obtivo a súa mellor cotización na de Ribeira (73,91 euros); o lirio, na de Fisterra (5,30); o percebe, na de Aguiño (211,50); o polbo, na de Malpica (15,50); o sardiña, da de Corcubión (10) e o xurelo na de Muros (12).

delegribeira@elcorreogallego.es