OBRAS. Os traballos comezaron a finais de 2019 e espérase que queden rematados nos vindeiros meses // Aportará seguridade e eficiencia ao sector mariñeiro // En marcha un proxecto de posta en valor da lonxa e a cultura mariñeira TEXTO J. Ramos

Executada xa máis da metade da dragaxe no porto de Laxe

Mar
Jose Manuel Ramos
Gonzalo Trenor, á dereita, Susana Lenguas e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, supervisando as obras de dragaxe en Laxe. Foto: Xunta

As demandadas e esperadas obras de dragaxe do porto de Laxe avanzan a bo ritmo e máis do cincuenta por cento dos traballos previstos xa foron executados, segundo confirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa visita á referida vila mariñeira.

Recoñeceu que se trata de dar resposta “a unha demanda histórica, e somos conscientes de que hai tempo que tiñamos cuestións pendentes en Laxe, e a dragaxe era unha delas”. Respecto ao remate das obras indicou que “esperamos entregalas nos vindeiros meses”, aínda que, engadiu, “vai depender das condicións meteorolóxicas e dos meses que se poida traballar, pero a dragaxe xa non ten marcha atrás”.

Asegurou que se trata de obras difíciles e complexas, pero moi necesarias “para dar seguridade á xente que traballa no porto e para dar maior capacidade de captura e comercialización”. Nesa liña, o presidente da Xunta salientou que coas obras que se están a desenvolver, cun orzamento de 3,6 millóns de euros, e que xa están completadas en máis dun 50 %, Laxe terá “un porto máis seguro, máis accesible, con maior calado e un porto onde se vai poder traballar con máis seguridade e, polo tanto, con máis eficiencia”.

Hai que lembrar que os traballos comezaron a finais do ano 2019 e a obra conta cun orzamento de máis de 3,6 millóns de euros. O obxectivo é dragar 57.300 metros cúbicos de material rochoso e areoso da dársena para contrarrestar os riscos que teñen para a seguridade das embarcacións os efectos asociados ás ondas longas non interior do porto.

A dragaxe, froito de varios estudos relacionados coas dinámicas e a axitación provocadas polas ondas, permitirá que haxa un calado suficiente para o fondeo seguro dos barcos en determinadas condicións de fortes variacións do nivel de auga dentro do porto. O proxecto contempla acadar os 5 metros de calado en toda a dársena e ampliarase tamén a operatividade do peirao da lonxa ao dotalo dun calado de tres metros.

A maiores desta actuación, Feijóo explicou que a Xunta contratou o servizo harmonizado para a redacción de estudos ambientais e de dragaxe para máis dunha trintena de portos autonómicos. “Nos últimos anos o Goberno galego leva investidos en materia de dragaxes 12 millóns de euros”, abundou Feijóo.

Por outra banda, destacou que a Xunta aprobou este ano cincuenta e cinco proxectos presentados polas confrarías galegas para modernizar portos, lonxas e lugares de desembarque. No que respecta aos vinculados ao porto de Laxe, e logo de valorar a implicación da confraría de Santa María de Atalaia, Feijóo incidiu no proxecto de promoción e posta en valor da lonxa e da cultura mariñeira. O obxectivo é dar visibilidade aos produtos da pesca costeira artesanal, á forma de vida dos mariñeiros e á cultura mariñeira.

A maiores, a adquisición de material expositivo permitirá realizar eventos e mostras itinerantes, e está previsto tamén crear un gran mural na fachada sur da rula.

Asimesmo, están en execución obras para mellorar a eficiencia enerxética da lonxa e da fábrica de xeo da confraría cun proxecto de instalación de paneis fotovoltaicos e estase a fornecer á rula de dúas máquinas hidrolimpadoras.