Solidariedade e exhibición en Vimianzo a cargo dos profesionais da Garda Civil

Escolares e veciños coñeceron como traballan as forzas de seguridade // Recolleron produtos non perecedoiros para o Banco de Alimentos Rías Altas da Coruña
Demostración
Manuel Lavandeira
José Manuel Pequeño, pola esquerda, María José Pose, Mónica Rodríguez, Víctor Muíño e María Rivas, en Vimianzo. Foto: C. V.

Vimianzo acolleu este luns unha exhibición solidaria da Garda Civil, da que formaron parte escolares e profesores de varios centros educativos da Costa da Morte e tamén veciños e veciñas da zona.

Nos actos, que se desenvolveron no pavillón polideportivo da capital de Soneira, participaron profesionais das forzas e corpos de seguridade que integran as unidades da Garda Civil da provincia, concretamente os da Quinta Compañía, que abarca desde A Laracha ata Muxía.

Dita exhibición contou coa participación dos equipos de rescate en montaña, do de detección de drogas e explosivos, servizo aéreo, actividades subacuáticas e intervención bacteriolóxica, radiolóxica e química, entre outros.

Os profesionais da Garda Civil deron a coñecer as técnicas de investigación e rescate, así como os instrumentos e materiais cos que actúan. Outro dos puntos fundamentais da demostración foi a mostra de traballo de campo con exhibicións de guías caninos de detección de drogas, co helicóptero, vehículos, motocicletas e 4x4 ademais de equipos da Policía Xudicial. Centos de rapazas e rapaces desfrutaron deste encontro e todos aplaudiron o bo facer dos axentes.

Puideron comprobar tamén de primeira man como traballan os equipos especializados da Garda Civil, presenciando en vivo, por exemplo, unha simulación de inmobilización nas alturas para o rescate dunha persoa sobre un río mediante o recurso de poleas.

A actividade tamén tivo a súa parte solidaria, xa que as persoas asistentes colaboraron facendo entrega de diversos alimentos non perecedoiros. Con tal fin habilitouse un posto específico na entrada do recinto deportivo vimiancés. Leite, arroz, aceite, auga, legumes e produtos de aseo destacaron entre as doazóns, que serán destinadas a colaborar nunha boa causa a través dunha ONG.

Dende o goberno local agradecen que a Garda Civil pensase en Vimianzo para levar a cabo “esta actividade de divulgación moi interesante e necesaria, ademais de tratarse dun evento con fins solidarios”. Subliñan que os nenos e nenas participantes non só desfrutaron da exhibición, senón que tamén “aprenderon moitas cousas”.