Descártase a súa explotación no eido turístico, e barállanse os do voluntariado e a formación // Antes debe ser rehabilitado, pois non se actuou nel dende que se ampliou en 1954 TEXTO S. S.

Exploran os posibles usos para dinamizar o faro da illa de Sálvora

Conservación del patrimonio
Suso Souto

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa estudan varios proxectos cos que poder dinamizar a actividade e o uso actual do faro da illa ribeirense de Sálvora. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o presidente de dita entidade portuaria, José Manuel Cores Tourís, visitaron este luns dito faro (cuxa xestión recae nesta última administración) co obxectivo de coñecer os intereses e a posibilidade de abrir futuras liñas de colaboración, tal e como xa se vén realizando con outras entidades e organismos, no eido da investigación, do voluntariado ambiental e da formación.

En todo caso, a representante autonómica indicou que calquera iniciativa ou proxecto que se pretenda levar a cabo no ámbito da illa de Sálvora deberá respectar e ser acorde ao contido do Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional das Illas Atlánticas, que entrou en vigor en xaneiro do ano 2019.

Na súa visita, Do Campo estivo acompañada pola tenente de alcalde de Ribeira, María Sampedro; o director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, José Manuel Fernández Bouzas; e dúas técnicas da Autoridade Portuaria. Sampedro dixo que se tratou “dunha primeira toma de contacto para coñecer o estado actual das instalacións, que teñen un século e precisan dunha posta a punto, pois a última mellora que se levou a cabo nelas foi pouco despois da traxedia do naufraxio do vapor Santa Isabel, en 1921, cando xa estaba proxectada a ampliación do faro tal e como o coñecemos hoxe”.

Neste sentido, a concelleira ribeirense lembrou que “son unhas instalacións moi grandes, que contan con moitas dependencias”.

No tocante ás posibilidades que se poderían contemplar para darlle un novo uso ó faro, dixo que “é cedo para falar diso, pero, en todo caso, a lexislación vixente restrinxe moito os seus posibles usos, que sí poderían pasar polos de carácter educacional ou os relacionados co voluntariado ambiental, pero non pola súa explotación no eido do turismo”.

Situado na parte máis saínte ó sur da illa, no lugar coñecido como Punta Besugueiros, o complexo naceu en 1847 como unha pequena luz local que se convertiría, só seis anos despois, nun faro. Está nunha torre octogonal en forma de U, similar á de Cabo Silleiro, e foi obxecto de importantes reformas (en especial en 1921, tras o afundimento do Santa Isabel, e en 1954, cando foi ampliado). Os últimos habitantes de Sálvora, os fareiros, abandoaron a illa en 1997. Dende entón, o sinal marítimo funciona mediante control remoto.