SE EU FOSE ALCALDESA ...

... “Faría un centro comercial”

Iria Miramontes, estudante de estética
Iria Miramontes
Se eu fose alcaldesa
Alba Prada

Residente en Bertamiráns, solteira, que tres cousas faría en favor dos veciños e veciñas?

O primeiro, conceder máis axudas ao comercio local. O certo é que nos movemos moito a Santiago para comprar porque non existe moita variedade. Estaría ben que se fixese un centro comercial para que houbese máis tendas de roupa. En Bertamiráns somos cada vez máis veciños e penso que non sería unha mala idea. Non hai firmas coñecidas, para obtelas sempre tes que desprazarte. E segundo, aumentaría os horarios dos autobuses porque non hai moitos. Agora mesmo non temos onde mirar cando pasan, polo que tes que sabelo de memoria e coller máis ou menos sempre os mesmos. Ademais as fins de semana, sobre todo os domingos, non están dispoñibles máis ca catro ou cinco autobuses.

Que é o mellor de vivir no concello de Ames?

Creo que o mellor é a tranquilidade e a xente. Non cambiaría nunca vivir en Bertamirás por unha cidade. Aquí estase moi ben a verdade.

E o que peor leva?

Quizais diría a falta de certos servizos ou tendas. Con todo, sempre está ao lado Santiago para poder complementar o que non tes aquí. Non podo dicir nada malo fóra disto porque en xeral estou moi contenta. É como vivir nun pobo pero con todas as necesidades básicas diarias cubertas.