Fartura de novos valores literarios nun certame que atrae xa a lusos e alemáns

Recibíronse cento cincuenta obras no concello, noventa máis que o ano pasado // Vai ter gañadores o 18 de maio
Concurso de relatos
Marcos Manteiga
Requeixo, esquerda, María López e Manuel Núñez nunha foto de arquivo do xurado noutra edición. Foto: CDA

Ames contará cun xurado de luxo para evaluar o récord de traballos presentados nesta edición ao seu XVIII Certame Literario. Así, serán 155 as obras –noventa máis que en 2020– que pasarán polas mans da profesora e escritora María López Sández, o docente e crítico literario Armando Requeixo e o profesor e autor Paulo Calvo, todos eles veciños deste municipio. Os gañadores daranse a coñecer o día 18 de maio a través da páxina web e das redes municipais, mentras que a entrega de premios farase o 21 de maio na casa da cultura do Milladoiro.

Así, este certame literario amesán retoma as cifras de participación nas que se viña movendo ata o ano pasado. As circunstancias especiais da convocatoria de 2020 provocaron unha diminución considerable no número de traballos presentados, que se reduciron a 65.

Ademais, nesta ocasión chegaron obras non só de toda Galicia e de varias comunidades, como Andalucía, Euskadi e Madrid, senón que tamén se presentan residentes en outros países europeos, como por exemplo Alemaña ou Portugal.

A categoría máis concorrida polos creadores literarios nesta ocasión foi a de poesía para maiores de 18 anos, á que se presentaron 58 traballos. Na modalidade de narrativa da mesma categoría presentáronse 49. Un total de 14 e 13 traballos concorren á segunda, para autores de entre 14 e 17 anos nas modalidades de poesía e narrativa, respectivamente. Na primeira, dirixida a persoas de menos de 13 anos, concorren 7 de poesía e 14 de narrativa.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, considera un éxito que as cifras volvan situarse nos valores que precederon ao ano no que se destapou a crise sanitaria da COVID. “Este ano volveuse presentar un número similar de traballos ao de edicións anteriores a 2020, o que dalgún xeito indica que as cousas van mellorando, e que o noso certame literario segue a ser un concurso de referencia para moitos creadores e creadoras en lingua galega”, divulgaba ao respecto.

En canto a galardóns, na primeira categoría haberá tres de 200, 170 e 140 euros, mentras que na segunda están previstos outros tantos de 230, 200 e 170 €. Na última tamén haberá a mesma cantidade, pero con importes de 300, 260 e 230 €.

areadecompostela@elcorreogallego.es