NADAL. En Mazaricos máis de cen persoas competirán na xa tradicional Carreira do Leite // A proba atlética rematará co Brinde Leiteiro na praza da capital municipal TEXTO J. M. Ramos

Festas de fin de ano en Cee e Vimianzo

Nadal 2022
Manuel Lavandeira
Os nenos e nenas de Vimianzo despedirán o ano este mediodía na Praza do Concello. Foto: Concello de Vimianzo

Chega o fin de ano, e en Vimianzo e Cee queren despedir 2022 por todo o alto. Na capital de Soneira, este sábado, ás 11.00 horas comezará unha gran festa infantil na Praza do Concello. Haberá animación, inchables e moita música con DJ Rokiño. Ás doce do mediodía os pequenos gozarán das badaladas de fin de ano cunha degustación de doces.

Pola súa banda, en Cee o Concello programou para esta noite máxica unha festa que terá como escenario a rúa Lino Rodríguez Madero, onde se instalará unha carpa. A cita festiva estará amenizada pola Mega Disco Móvil CDC. As doce da noite os asistentes degustarán as doce uvas, como marca a tradición, guiados por Melany.

En Mazaricos, pola contra, decidieron despedir o ano correndo polas rúas da Picota na tradicional Carreira do Leite, que acada a quinta edición con 106 persoas inscritas. Posteriormente celebrarase con toda a veciñanza e atletas o Brinde Leiteiro. Con estes eventos, o Concello reivindica un ano máis o peso do sector lácteo no tecido económico local e, especialmente, a importancia de Mazaricos para este sector en Galicia, onde representa o primeiro produtor de leite.

No resto de concellos da Costa da Morte xa están poñendo a punto as carrozas nas que os Reis Magos percorrerán vilas e pobos a partir do 5 de xaneiro. En Carballo, o percorrido, que supera os 11 quilómetros, detallarase nos vindeiros días, pero para que todo o mundo saiba en que punto se atopan as carrozas de Melchor, Gaspar e Baltasar en cada momento a cabalgata tamén se poderá seguir en streaming a través das redes sociais e da plataforma www.carballoenrede.com.

Despois de dous anos marcados polas restricións derivadas da Covid, a comitiva real recuperará o seu formato tradicional. Volverá a haber caramelos, grazas á colaboración do Centro Comercial Bergantiños e Caixabank, e tamén recepción, para todos os nenos e nenas que o desexen, ao remate do percorrido na Praza do Concello. Tamén recuperarán a presenza dos paxes reais.

A saída da cabalgata está prevista para as 17.30 horas do 5 de xaneiro, e o percorrido, que incluirá a habitual parada na igrexa parroquial de San Xoán Bautista, durará arredor de dúas horas. Para amenizar a espera, a partir das 19.30 haberá animación infantil na carpa da Praza do Concello coa Picadiscos Mari Faltri. A festa real, organizada pola Concellaría de Cultura, será posible un ano máis grazas á colaboración de empresas, persoas e colectivos como a Agrupación de Voluntarios e o Servizo Municipal de Protección Civil, a Policía Local, os Bombeiros de Carballo e a Brigada de Obras.

En Mazaricos, a celebración terá formato de Tractorada de Reis, unha divertida e chea de cor alternativa ás tradicionais cabalgatas coa que Súas Maxestades de Oriente adaptarán a súa visita á realidade rural mazaricá. Están convidados tanto os nenos coma os maiores.