Fisterra acollerá un dos minicampamentos de verán con actividades náuticas

Será un dos trece que promove a Consellería de Política Social // Fomentarán o coñecemento da gran riqueza natural e patrimonial de Galicia
Ocio
Manuel Lavandeira
A conselleira de Política Social, á dereita, no acto de presentación no Bela Fisterra. Foto: X.G.

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou este mércores no hotel Bela Fisterra, ao carón da praia Langosteira, os minicampamentos de verán, que este ano celebrarán a súa terceira edición. A inscrición para as 600 prazas ofertadas pode facerse desde hoxe na web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pechará cinco días antes do inicio de cada quenda ou, no seu caso, ata completarse.

Os minicampamentos Coñece Galicia están dirixidos a nenos e nenas de entre 10 e 14 anos. A súa programación serve para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte dos máis novos, así como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.

Co obxectivo de facelos máis accesibles, o Goberno galego aplicará descontos do 50% ás familias numerosas ou monoparentais e do 25 por cento a todos os usuarios do Carné Xove.

Así mesmo, Fabiola García subliñou que os minicampamentos teñen un dobre obxectivo: por unha banda, ofrecer unha opción de lecer activo ás mozas e mozos galegos, coa particularidade de que son estadías de cinco días de duración; e, por outra, axudar a dinamizar o sector hostaleiro. Trátase, engadiu a conselleira, de ofrecer “un verán tranquilo e un verán seguro” ás familias e aos seus fillos.

Ademais do minicampamento Descubrindo a Bela Fisterra, onde os participantes poderán gozar de actividades náuticas como surf ou kayak, así como saídas a espazos singulares como a Fervenza do Ézaro (Dumbría), o programa ofrece outras doce propostas distribuídas por toda a xeografía galega, que inclúen gincanas, xeoaventura, rastrexo de fauna ou tiro con arco, entre outras actividades. Fisterra será, xunto con Sada, dúas das novas localizacións deste programa.

ESENCIA. A este respecto, Fabiola García subliñou que Fisterra “é un dos enclaves turísticos máis importantes de Galicia e, ademais, comparte a esencia do programa que estamos a presentar para este verán”. Na provincia da Coruña, ademais do de Fisterra, haberá dous minicampamentos: Valdoviño Mariño, con actividades náuticas e de multiaventura, e Náutica e audiovisual en Sada.

Na de Pontevedra desenvolveranse Aventura en Paradanta, no concello de Covelo; O noso rural, en Lalín; e Natura, no Salnés. Ourense, pola súa banda, ofrecerá as iniciativas Somérxete na natureza, na Pobra de Trives; e Acción no Arnoia, en Allariz; e Lugo, A conquista de Foz; Eco-Verán, en Monforte; Aventura na montaña, en Cervantes; A descuberta da Pobra do Brollón; e Xeocampamento nas montañas do Courel, en Folgoso do Courel.

VOLUNTARIADO. Estas localizacións súmanse ás ofertadas nos campamentos e nos campos de voluntariado que, xunto aos minicampamentos, integran a maior programación da Campaña de Verán da historia de Galicia que chegará en 2022 a máis de 10.800 prazas.

A conselleira de Política Social asegurou que esta “é a campaña de verán máis ambiciosa da historia da nosa Comunidade” e cualificou as localizacións elixidas como “lugares privilexiados e idílicos”.