Locen o emblema as igrexas de Santa Columba, Santiago Apóstolo e Santa María, as capelas da Madalena e San Roque e o faro da fin do mundo // Fotografarse ante a súa iluminación pode ter premio: unha fin de semana nun balneario TEXTO S. Souto

Fisterra, Padrón, Rianxo, Melide, Ames e Ordes azulean o Xacobeo

Xacobeo
Suso Souto
ORDES. Imaxe da igrexa de Santa María de Ordes co logo do Xacobeo 21-22 na súa fachada. Foto: Xunta

No marco do programa Acende o Xacobeo, 18 monumentos singulares da provincia da Coruña ilumínanse ata o 7 de xaneiro. Co gallo do comezo do segundo Ano Santo e recollendo o éxito da primeira iniciativa Acende o Xacobeo coa que a Xunta lle daba a benvida á celebración deste Xacobeo excepcional, arrincou unha nova edición desta proposta, que ilumina 52 edificios significativos de toda Galicia distribuídos polos dez itinerarios xacobeos ao longo das catro provincias.

A iluminación ten lugar durante as fins de semana en cor azul e coa frecha amarela e o logo do Xacobeo 21-22. No ámbito territorial de Área de Compostela azulean o faro de Fisterra, a capela de San Roque de Melide, a igrexa de Santa María de Ordes, a capela de Santa María Madalena de Ames, a igrexa de Santiago Apóstolo de Padrón e a igrexa de Santa Columba de Rianxo.

A igrexa rianxeira de Santa Columba é gótica, iniciada a finais do século XV. A torre, construída probablemente a principios do XVII, álzase no lado esquerdo da fachada; é barroca e alberga o campanario e un reloxo. Á esquerda do terceiro tramo da nave principal ábrese unha capela lateral construída en 1675 por un membro da familia Bastón.

O faro de Fisterra é o máis occidental e emblemático de Europa. É obra do enxeñeiro Félix Uhagón. A torre, de cantería, é de base octogonal e remata nunha cornisa sobre a que se apoia a balconada. Encima está a bóveda cunha lanterna poligonal, a 138 metros sobre o nivel do mar. O edificio anexo é A Sirena, obra de Ángel García del Hoyo. Entrou en funcionamento en 1889 para os días en que a néboa impedía ver a luz do faro. Emite dous sons estridentes cada minuto, cun alcance de 25 millas (46 quilómetros).

A capela de San Roque de Melide construeuse en 1949 con materiais procedentes das igrexas medievais derrubadas de San Pedro e San Roque. A igrexa de Santa María de Ordes, orixinariamente románica, sufriu importantes reformas, a máis significativa delas en 1864.

A capela de Santa María Madalena de Ames levantouse posiblemente entre os séculos X e XI. Está dedicada a Santa María Magdalena, xusto ao pé do Camiño Portugués.

En canto á igrexa de Santiago Apóstolo de Padrón, en unha ara romana baixo o altar coñecida como O Pedrón, onde según a lenda xacobea os discípulos do apóstolo Santiago amarraron a barca que levaba o seu corpo.

No resto da provincia brilan en azul a Torre de Hércules e o Edificio Afundación da Coruña; o Teatro Jofre e o edificio de Abanca de Ferrol; a igrexa de Santiago de Betanzos; a igrexa de Santiago de O Burgo, de Culleredo; a casa consistorial de Fene; o Torreón dos Andrade de Pontedeume; e San Caetano, San Bieito, a Cidade da Cultura e a Torre da Berenguela da Catedral, en Santiago.

CONCURSO FOTOGRÁFICO. Do mesmo xeito en que se fixo o ano pasado, a segunda edición do Acende o Xacobeo tamén terá o seu concurso fotográfico. Os participantes só teñen que publicar unha fotografía na que se vexan persoas xunto a un dos monumentos iluminados baixo os hashtags #AcendeOXacobeo ou #EnciendeElXacobeo e etiquetando as redes sociais do Camiño de Santiago. As imaxes poden publicarse nas redes sociais de Facebook, Twitter ou Instagram do Camiño (@camino_xacobeo).

O certame está aberto ata o remate da iluminación e os autores das tres mellores fotos recibirán un premio consistente nunha estadía dunha fin de semana para dúas persoas nun hotel-balneario de Galicia en réxime de pensión completa.