A Xunta dotará aos grupos do Sar e Caldas de cadansúa furgoneta 4x4 // Os que dan cobertura á zona de Bergantiños, con sede en Ponteceso, e ás de Betanzos, Terras de Melide e Ordes van recibir un camión Bomba Rural Pesada TEXTO C. Estévez

Forte reforzo do equipamento dos GES na área compostelá

Seguridade
Claudina Estévez
Diego Calvo nunha imaxe na que supervisa uns dos vehículos de Emerxencias que operan na provincia da Coruña. Foto: Xunta de Galicia

A Xunta reforzará o equipamento de emerxencias dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) coa entrega a 13 grupos neste ano de distintos vehículos (6 furgonetas 4x4 e 5 camións Bomba Rural Pesada) para mellorar a eficacia nas súas intervencións, así como catro equipos de excarceración e outro material diverso para a atención de emerxencias. No caso de dous deles (o grupo con sede en Curtis e o servizo municipal de Terras de Celanova) contarán cun novo vehículo e un equipo de excarceración.

O investimento neste equipamento ascende a máis de dous millóns de euros, no marco dos máis de vinte e catro millóns destinados pola Xunta de Galicia nos últimos anos ao reforzo do equipamento destes grupos e dos servizos de Protección Civil dos municipios, pese a tratarse dunha competencia local.

O GES de O Sar e Caldas (con sede en Padrón) recibirá cadansúa furgoneta de servizos varios 4x4 coas que acceder a todo tipo de zonas e cunha cisterna de 450 litros de auga. A Xunta investirá 655.759 euros en 6 vehículos deste tipo (109.203 euros en cada unha delas).

Aínda que non forman parte dos concellos da área compostelá, hai que indicar que ademais, do destinado a Padrón, cederanse outros vehículos na área de Ferrol aos GES de Ferrol-Eume e de Ortegal e Ferrol, con sedes en Mugardos e Ortigueira respectivamente, e ao de Friol-Palas de Rei na provincia de Lugo, mentres que na provincia ourensá recibirán cadansúa furgoneta os GES A Veiga-Viana e o que atende á zona Viana-Verín, con sede na Gudiña.

A Xunta tamén fará entrega neste 2023 de 5 camións tipo Bomba Rural Pesada (BRP) cun custo total de máis de 1,2 millóns de euros. Os destinatarios destes vehículos serán o GES que dá cobertura á zona de Bergantiños, con sede en Ponteceso, e o que atende á área de Betanzos-Terras de Melide-Ordes, con sede en Curtis. Estes vehículos contan con tracción integral 4x4 e cunha cisterna de auga cunha capacidade de 3.500 litros, para intervir na extinción dos lumes, contribuíndo así a reducir a afectación na zona. Ademais, permiten o acceso a todo tipo de lugares, desde terreos urbanos a estradas secundarias en áreas rurais e pistas forestais ou camiños.

Tamén se dotará ao GES Betanzos-Terras de Melide-Ordes dun equipo de excarceración.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Vicepresidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, indicou a este xornal que “as novas entregas de 6 furgonetas de servizos varios, 5 camións Bomba Rural Pesada (BRP) e 4 equipos de excarceración por máis de 2 millóns de euros amosan o compromiso da Xunta cos servizos de emerxencias dos concellos”.

Sinalou asemade que celebran “a decisión das Deputacións da Coruña e Lugo de renovar a finais do ano pasado os convenios sobre o funcionamento dos GES coas melloras da Xunta e aplicalas nos quince grupos destas dúas provincias”.

“Demostran que as nosas medidas para mellorar a cobertura das emerxencias na comunidade que xa se veñen aplicando nos 12 GES de Ourense desde o ano pasado, eran as correctas. No caso dos GES da provincia de Pontevedra rexeitaran as medidas e o acordo actual vence a finais deste 2023”, apuntou Calvo.