Gaban a aposta dun BNG líder xa na esquerda polas políticas sociais

Os edís Santomil, González e Pampín destacan a consolidación dos concilias e o programa cultural en pandemia // Suliñan a aprobación dos cinco orzamentos
Balance
Marcos Manteiga
Os edís do BNG amesán Escarlata Pampín, dende a esquerda, David Santomil e Natividade González. Foto: CG

A esquerda amesá vai tomando as cores de Galicia, e o BNG xa figura como primeiro partido progresista na capital maiá cando se extrapolan os resultados das pasadas eleccións autonómicas, nas que superaron os catro mil votos (29 % do total) fronte a, por exemplo, os 2.117 do PSOE ou os 725 de Podemos. Así o puxo de manifesto o seu voceiro, David Santomil, nun balance deste mandato onde destacou a aposta da formación nacionalista polas políticas sociais, apoio a colectivos desfavorecidos e mellora das infraestruturas.

Abría a rolda, precisamente, David Santomil , edil de Educación, que destacaba o “punto de inflexión” que supuxo a pandemia, e como puideron superar moitas das súas limitacións “pola capacidade de traballo e cohesión” do goberno tripartito que manteñen con socialistas e UP.

Froito disto, por exemplo, situaron a ratificación do quinto orzamento municipal anual consecutivo que xa se aproxima aos 30 millóns de euros no ano 2021, para un municipio que xa supera os 32.000 habitantes. E esta estabilidade orzamentaria e política permitiu, ao seu xuízo, manter os programas e tamén a colaboración coa Deputación coruñesa e a Xunta para acadar o novo centro de saúde ou o comedor.

Pola súa banda, a edil de Mocidade e Normalización Ligüística, Escarlata Pampín, referiuse a que os amesáns máis novos estaban “tan castigados como esquecidos”, e subliñou a importancia de levar a lingua “a todos os recunchos”. Citou, entre outras actividades e dotacións ofertadas, o Trouleando, SolporSon ou a continuidade dos programas a pesar da COVID. E Natividade González, edil de Cultura, elevou as súas competencias a “valor fundamental do BNG para o desenvolvemento de país”, resaltando tamén as programas xa consolidados, como os Encontros Culturais ou Abril de Cine.