Diego Calvo definiu a feria monográfica bianual como un punto de encontro para empresas e traballadores // Galicia é a primeira potencia nacional e a novena na UE // Oitenta mil familias viven directa ou indirectamente do monte TEXTO Sol Elvira

Galiforest reflicte o peso que ten o sector forestal na economía galega

Forestal
Sol Elvira
O último en maquinaria forestal exponse na feira silledense. Foto: X. G.

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este xoves en Boqueixón na inauguración da sexta edición da feira Galiforest Abanca 2022, monográfico forestal internacional para o sur de Europa, que acolle o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude ata o sábado.

Calvo definiu Galiforest como un punto de encontro para o sector forestal de Galicia onde dar a coñecer as últimas novidades e avances despois de catro anos sen celebrarse esta feira bienal, xa que a edición de 2020 tivo que ser adiada debido á pandemia do coronavirus.

No percorrido polos expositores tamén estiveron o director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez; o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan; e o delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor.

O vicepresidente segundo salientou que Galicia é unha comunidade de referencia no ámbito forestal e este sector constitúe unha das principais fontes de riqueza e de emprego no rural galego. Ademais, sinalou que o monte de Sergude e, en concreto, o seu Centro de Formación e Experimentación Agroforestal no que se están a formar os futuros traballadores deste sector é o espazo idóneo para acoller a feira.

MONOGRÁFICO. Por iso, o responsable de Presidencia animou a todo o mundo a achegarse estes días a Sergude, onde Galiforest se constituirá como centro de negocios para o sector, ademais dun escaparate das últimas innovacións tecnolóxicas e foro de coñecemento e posta en común da realidade forestal.

Galiforest ten como obxectivos a exposición dos avances en maquinaria, o intercambio comercial e o impulso da sustentabilidade e o avance do forestal. Esta edición de récord acada as súas mellores cifras cunha superficie de 13.726 m2 e coa participación de 371 firmas expositoras de 26 países, representadas por case un un cento de expositores directos, o 10 % deles internacionais.

Cómpre engadir que a Axencia Galega de Industria Forestal (XERA) estará presente nun posto compartido con axentes do sector baixo o lema O futuro é de madeira.

Ao longo destes días, na feira desenvolveranse máis de 180 demostracións en vivo sobre o funcionamento de diversa maquinaria e de traballos en monte, algunhas das cales estarán a cargo de persoal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, exhibicións máis lúdicas, así como outras conferencias dirixidas a profesionais para analizar o presente e o futuro do sector e abordar temas como a transición dixital no sector forestal ou os retos e oportunidades do piñeiro en Galicia.

Tamén se celebrará o tradicional concurso de innovación co que recoñecer novos proxectos orientados á mellora do sector forestal.

Nesa liña, o sector forestal representa (segundo os datos do Instituto Galego de Estatística) case o dous por cento do PIB da Comunidade, supoñendo preto dun doce por cento do emprego industrial galego.

Deste xeito, ata oitenta mil familias viven directa ou indirectamente dos nosos montes.