|| cousas do demo ||

Gandeiros de Santa Comba sofren as malas artes dunha industria que non sabe perder

Industria láctea
Víctor Furelos
Unha banda actúa diante dun numeroso público.

A escalada de prezos é xeral. Nuns casos a suba dos carburantes ou a subministración eléctrica son unha boa desculpa e noutros a guerra de Ucraína. O caso é que quen está a sufrir é o cidadán de a pé, sobre todo os das rentas máis cativas, e tamén os productores con especial incidencia no sector agrogandeiro. Producir hoxe un litro de leite en Galicia costa case un 30% máis que a finais do ano pasado, pero o incremento dos ingresos do sector lácteo en España no mesmo período de tempo foi dun 1,8%.

Galicia lidera a produción de leite a nivel estatal, cun 55% das explotacións e aínda que a modernización realizada nas últimas décadas o sitúan como referente europeo en calidade, innovación, garantías de salubridade alimentaria e vocación de permanencia o certo é que moitas granxas corren un perigo serio de subsistencia e outras xa pecharon ou están a piques de facelo.

Porque nos supermercados págase o leite un 25% máis caro que a principios de ano, pero ás explotacións gandeiras non se lle aplicou a suba na mesma proporción. As industrias lácteas, unha vez máis, aproveitan a ocasión para aumentar as súas ganancias sen respectar a quen lle proporciona o leite con moito suor da súa frente.

A indignación medra cando os abusos van máis alá e rozan o delictivo. É o caso dun grupo de propietarios de explotacións lácteas de Santa Comba e Mazaricos que tiñan firmado cunha gran empresa un contrato que agora xa expiraba.

Neste mundo no que a lei da oferta e a demanda está a orde do día, os gandeiros xalleiros recibiron unha proposta que melloraba por moito á que mantiñan nese momento, polo que decidiron cambiar de industria en canto expirara o contrato.

A empresa coa que estaban comprometidos reaccionou con todo tipo de presións. Como o neno pequeno que non sabe perder e patalea. Claro que esta vez xogando cos cartos de quen non merece vinganza algunha e máis cando foi o teu aliado. O colmo é que xogaron co pan que lle dá de comer ás familias que traballan en oito granxas con mil cabezas de gando e que producen uns 35.000 litros de leite ó día.

Sen previo aviso, sen xustificación e de xeito unilateral rebaixaron de cinco a sete céntimos por litro o prezo que pagaban aos que aínda eran os seus provedores deixando caer de xeito bastante directo que estaban a tempo de recapacitar.

Esa situación non fixo máis que prender os ánimos dos que se sentiron atacados e incluso traizoados por aqueles ós que serviron con fidelidade durante anos.

Os gandeiros de Santa Comba e Mazaricos, despois do sucedido, non o poden ter máis claro, quen xoga con malas artes, facendo trampas e sabendo que paga moi por baixo do prezo de produción non merece a súa confianza.

Foi a maneira de darse conta de que tomaran a decisión acertada. Porque é máis, incluso desde esa empresa tan solvente atrevéronse a decirlle ós productores que se firmaban un novo contrato renovando o anterior executarían de inmediato unha subida no prezo.

Non sei exactamente que palabra ou frase utilizar para describir esta situación pero hai un abano delas que ben poderían definir o sucedido: desde un auténtico noxo polo abuso do grande contra o pequeno ata unha chantaxe en toda regra.

Non é de recibo que se xogue así cun sector que sofre como o que máis nesta crise. O encarecemento da luz, dos pensos, do carburante.... E case ningunha empresa ou intermediarios os ten en conta e manteñen uns prezos que dan a risa co único obxectivo de encher os seus bolsillos e todo a costa do duro traballo doutros.

Se se compara o prezo dos tomates, ou as xudías, ou o propio leite en orixe co que se amosa no supermercado vese ben ás claras que o que máis gaña non é o que dobra o lombo cada día faga un sol de corenta graos ou chova, nin o que asume o risco de que a calor, as xeadas ou unha peste lle proporcionen unha mala colleita ou que incluso a perda enteira. Porque nese caso as perdas son todas para el, non para os voitres que pululan ó seu arredor.

O campo é cousa de todos e para mantelo son necesarias esas granxas de produción contínua e diaria porque grazas a elas fíxase poboación no rural e nesa chamada Galicia baleirada. Pero vai ser ben complicado polas debilidades que padece o sector como a escasa rendabilidade das explotacións gandeiras con prezos moi baixos e producións a perdas.

Xa vai sendo hora de aprezar o traballo da xente do campo, pero non de boquilla. O seu esforzo merece ser recompensado cunha remuneración correcta e non pisoteando o seu orgullo unha e outra vez mentras que políticos e incluso consumidores miramos para outro lado.